A voz dos alcaldes: José Antonio Pérez Valado, rexedor de Verea

OurenseXa
Valado, con máis dunha década dedicado á vida política, leva desde 2019 á fronte deste concello de arredor de mil habitantes coa vista posta en mellorar a vida dos seus veciños e ofrecer servizos de calidade
jose-antonio-perez-valado-alcalde-verea
22 Mar 2026

José Antonio Pérez Valado leva máis dunha década vinculado á vida política do Concello de Verea, un municipio que, cunha poboación arredor dos mil habitantes, destaca pola calidade dos servizos públicos que ofrece á súa veciñanza. Valado, que goberna con maioría absoluta, ten claro que a súa misión á fronte da alcaldía non é outra que mellorar o día a día dos veciños e prestar apoio a quen máis o precise.

Explíquenos un pouco como comezou na política e como se vinculou ao seu partido.

Vinculeime ao BNG porque era a forza política máis achegada á terra, polo menos para min. Sempre me sentín galeguista. Naquela época, cando comecei, estaba moi presente a figura de Xosé Manuel Beiras, que para min era un referente e co que me identificaba. Por iso decidín afiliarme e continúo ata hoxe.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Penso que cando estás en política, estás para facer algo, e para poder facer cousas hai que gobernar. Hai labores que, se non gobernas, non podes levar a cabo. Por iso presentamos candidatura xa en 1999; eu ía de terceiro nas listas, encabezadas por Antonio González Ferreiro. Nese momento conseguimos un concelleiro e quedamos a un voto do segundo. Máis tarde, en 2003, presenteime como candidato, e tamén en 2007. Nese ano chegamos a un pacto co PSOE para turnarnos na alcaldía, pero rompeuse e, tras unha moción de censura, acabou gobernando o PP durante moitos anos. Xa en 2019 logramos gañar as eleccións e en 2023 acadamos a maioría absoluta, gobernando en solitario desde entón.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

No meu caso, non teño asignación ningunha. Teño a miña empresa, que é o que me dá de comer, e no Concello todo depende da organización e do tempo que lle dediques. Antes tiña afeccións como cocer pan, cavar ou cultivar, pero agora xa non me queda tempo para iso.

E beneficios?

No meu caso non hai beneficios económicos, son todos persoais. É unha gran satisfacción facer cousas polos demais. Ver como, grazas á túa axuda, hai xente que sae adiante é algo que todo o mundo debería experimentar. Síntome un privilexiado por poder axudar á xente. Todo o que se fai en favor do pobo é moi gratificante, e aquí vivimos experiencias realmente marabillosas.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Con moita organización e coa axuda das funcionarias do Concello, que fan un traballo excepcional. Temos un equipo extraordinario. Eu intento compaxinar o tempo o mellor posible coa vida familiar. Ás veces hai que estar máis pendente e outras menos. Por exemplo, os sábados adoito vir sempre porque hai cousas que facer: ver obras, visitar veciños... Tamén axudan moito os compañeiros do partido e o persoal municipal.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

A miña carreira política empeza e remata aquí, en Verea. O obxectivo principal sería manter a alcaldía.

E se se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

Gustaríame mellorar os servizos sociais. Actualmente están mancomunados con outros oito concellos, pero penso que cada municipio debería ter máis autonomía para xestionalos. Os servizos sociais deben estar máis próximos ao veciño, e confío en que nalgún momento se consiga.

Cales son as principais liñas do seu programa?

As principais liñas pasan por reforzar os servizos sociais e traballar sempre co foco posto na xente. Conseguimos algo moi importante, que foi aumentar a poboación ata volver aos mil habitantes. Agora o reto é crear oportunidades laborais para que a xente poida traballar aquí.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Principalmente, os servizos sociais.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Sen dúbida, do transporte público municipal, que foi unha das mellores iniciativas que puxemos en marcha. Pero tamén estou orgulloso de moitas outras cousas. En breve inauguraremos un fogar residencial, contamos cunha casa do maior, servizo de conciliación, colaboramos cunha emprendedora para abrir unha casa niñO, temos os accesos mellorados e os pobos limpos… Ademais, é moi satisfactorio ver que hoxe hai 75 nenos e nenas en idade escolar no concello. Sobre todo, síntome orgulloso de poder axudar á xente.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Gustaríame que visen que son unha boa persoa e que o meu obxectivo é axudar ao pobo.


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade?
    55 anos.
  • Estado civil?
    Casado.
  • Profesión?
    Teño unha empresa.
  • Formación?
    Formación Profesional (FP).
  • Se non fora empresario, que lle gustaría ser?
    Gustaríame ser membro dunha ONG.
  • Que quería ser de maior?
    Sempre quixen ser como o meu pai e traballar no mundo da construción.
  • Que fai para desconectar?
    Paso tempo coa miña familia e saio dar paseos en bicicleta.
  • Unha virtude?
    Creo que as virtudes deben ser vistas e ditas polos demais.
  • Un defecto?
    Non sabería dicir, pero seguro que teño moitos.
  • Un consello para compartir?
    Hai que ser felices.
  • Un libro?
    Memorias dun neno labrego.
  • Unha película?
    Mar adentro.
  • Un grupo de música?
    Gústanme moitos, cústame decidir, pero unha banda de música sempre me gusta.
  • Unha afección?
    Andar en bicicleta.
  • Un lugar que visitar?
    Verea, polas súas paisaxes e rutas de sendeirismo.
  • Unha comida?
    Ovos fritidos con patacas.
  • E unha bebida?
    Viño tinto do país.
  • Unha persoa admirada?
    Calquera que se dedique a mellorar a vida dos demais.
  • Unha posesión prezada?
    O meu canastro.
  • Un desexo?
    Que lles vaia ben aos meus.
  • Algo para esquecer?
    Todo o malo que me pasou na vida.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    Que sexa boa persoa.
  • Un desafío pendente?
    Non teño; penso que xa fixen case todo o que tiña que facer.
  • Onde se ve en cinco anos?
    Véxome onde estou, quizá non como alcalde, pero si vinculado á vida do Concello.
0.12141489982605