A voz dos alcaldes: Pablo Graña, rexedor de Xunqueira de Espadanedo

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Graña asumiu a alcaldía de Xunqueira de Espadanedo o pasado mes de setembro tras a renuncia de Carlos Gómez, co obxectivo de loitar polo seu pobo, asentar poboación e mellorar a calidade de vida dos seus veciños
pablo-graña-alcalde-xunqueira-de-espadanedo
8 Feb 2026

Pablo Graña chegou a alcaldía de Xunqueira de Espanedo o pasado mes de setembro tras a renuncia de Carlos Gómez á fronte deste concello de arredor de 700 habitantes situado a tan só uns poucos quilómetros da cidade de Ourense. Veciño de Niñodaguia, o novo rexedor asegura que chega a alcaldía con ganas de traballar polo pobo e coa misión de promover Xunqueira e as oportunidades que ofrece esta vila para frear o despoboamento e mellorar a calidade de vida da veciñanza do rural, especialmente dos seus maiores.

Explíquenos un pouco como comezou na política e como se vinculou ao seu partido.

Pois este 2026 fai 11 anos exactamente. As orixes ao final foron algo, por así dicilo, accidental, nun momento electoral onde o anterior alcalde, Carlos Gómez, necesitaba xente que o acompañase, que quixese traballar para o pobo. Eu sempre fun unha persoa bastante involucrada, sobre todo con Niñodaguia, que é de onde son. Teño un moito contacto directo coa vila, sempre vivín alí, salvo algunha ocasión que tiven que marchar por temas laborais. Sempre estiven tirando moito polo meu pobo, quería que se fixesen cousas. Carlos viume como unha persoa bastante rebelde nese sentido, como alguén que quería loitar polo seu, e chamoume para que o acompañase nas listas electorais. E aí empezou todo.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Necesitábamos un momento de transición, xa que Carlos, por diversos motivos de saúde, tivo que deixar o cargo. Era unha persoa que ao final traballou moito para Xunqueira. Nos últimos anos tivo algún que outro problema de saúde, nada importante, pero que limitaba un pouco a mobilidade. Pediume axuda á hora de asumir o cargo, e aquí estou.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Supón moitos sacrificios, sobre todo de horas. Eu levo catro meses na alcaldía pero voto moito tempo. Ao final é un concello moi pequeno e tes que estar sempre pendente, non hai quen faga as cousas por ti. Supón moitos sacrificios, deixas actividades que realizabas antes de lado e perdes moito tempo coa familia. As fins de semana xa non existen.

E beneficios?

Quedar reconfortado a nivel persoal polas cousas que fas. Eu son moi perfeccionista e ao final, cando ves que o esforzo ten recompensa despois de moito traballo e dedicación, é unha sensación moi alentadora.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Pois con moita organización, moita orde e moitas horas. Eu teño sorte de contar con socios na empresa que me axudan moito e me dan moita liberdade, non teño tanta dependencia a nivel de traballo. En canto á familia, intentas organizarte, mentres eles dormen a min non me queda outra que levantarme cedo para facer os traballos pendentes.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Pois os meus obxectivos son por e para o pobo. Aquí lévase feito moito, pero agora tócanos proxectarnos ao exterior, que se nos coñeza. Creo que temos moito que potencial, e aquí fíxose moito traballo material, pero o que temos que facer a partir deste momento e dar a coñecer todo o que tempos, que é moito. Queremos que a xente saiba como un territorio tan pequeno en canto a poboación e espazo pode ter tantas oportunidades, tanto para negocio como riqueza turística, como benestar para vir a vivir aquí e para asentarse e facer unha vida de calidade.

E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

Sendo sincero, agora mesmo non teño nada pensado a partir de 2027. Hai obxectivos a longo prazo, claro, pero o meu contrato de traballo termina en maio de 2027, e logo a partir de aí, Deus dirá. Deixarei encamiñados varios proxectos a longo plazo, que van seguir estando aí tanto estea eu coma se ven outra persoa.

Cales son as principais liñas do seu programa?

O principal é intentar frear a perda de poboación, que Xunqueira empece a sumar positivo na parte demográfica, que os nosos maiores teñan a atención de calidade que se merecen pola que loitaron. Neste sentido estou intentando mellorar a atención e o soporte que lles damos a estas persoas, creo que pódese facer mellor. As tecnoloxías avanzaron moito e creo que hai que usalas para saber en todo momento como se atopan os nosos maiores, especialmente os que están solos. Temos que apostar por eles e darlles o servizo e a atención de calidade que se merecen.

Cales considera que son as principais necesidades do seu municipio?

A principal necesidade é a vivenda. Temos unha falta tremenda de vivenda, a Xunta está apoiando moito a rehabilitación de vivendas e que a xente veña para o rural, pero aínda así temos moita vivenda antiga, a piques de caer, pechada, e moita xente que quere vivir no rural. Estoume atopando con moita xente que me está chamando, que me está preguntando por vivendas, e é triste dicilo, pero está sendo moi complexo darlles unha solución, creo que é algo que pasa en todos os concellos rurais. Teño varios proxectos en mente, presentamos varios proxectos tanto á Deputación como á Xunta para facer algún tipo de vivenda social a nivel municipal para poder dar soporte á que quere vivir aquí.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Creo que o anterior alcalde, Carlos, fixo moito e ben, sobre todo na parte económica que non foi sinxela, creo que soubo administrar moi ben. En canto a min, síntome orgulloso, por exemplo, de que xa estamos a traballar para pechar a pista de padel para desfrutala todo o ano. Levo poucos meses, pero a través de varios convenios coa Xunta e Deputación que nos están a axudar moitísimo, estamos avanzando en cousas importantes. A Xunta, por exemplo, cedeunos un vehículo para mellorar o parque móbil que á verdade é que estaba bastante anticuado. Estamos conseguindo pequenas cousas, puxemos unha cuberta na nave, que levaba anos sen tocarse, estamos dándolle unha volta a todo o alumeado para facelo máis eficiente. Son pequenas cousas pero que axudan moito ao concello.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Pois creo que o están vendo, que é esa proximidade e ese traballo en conxunto no que todo o pobo suma. É algo que estou intentando transmitir e creo que é algo que pouco a pouco creo que se está vendo. Neste Concello todo o mundo é benvido.

Como é a súa relación coa oposición?

Moi boa, a verdade é que moi boa. A persoa que neste momento lidera o grupo da oposición é unha persoa bastante cercana. Isto ao final non vai de partidos, somos o que somos, temos os habitantes que temos e temos o orzamento que temos. Ás veces gustaríame que dende a oposición se poñan na pel do alcalde, porque moitas veces póñenme enriba da mesa propostas moi boas pero que debido ao orzamento e a limitación económica non se poden levar a cabo. Non é porque non queiramos, non é porque non apoiemos outro tipo de propostas, é simplemente que son contadas e temos que administralas moi ben. Ese é a complexidade deste concello.

EN CLAVE PERSOAL

Idade
33 anos

Estado civil
Solteiro

Formación
Grao e dous mestrados

Profesión
Financieiro

Se non fose empresario, que lle gustaría ser?
Dedicaríame ao deporte

Que quería ser de maior?
Quería ter a miña propia empresa

Que fai para desconectar?
Adestrar a un equipo de nenos

Unha virtude
Non teño

Un defecto
Son moi impaciente

Un consello para compartir
Aproveitar os días e ir á cama tranquilos, sen discutir con ninguén

Unha afección
O fútbol

Un lugar que visitar
A Ribeira Sacra

Unha comida
As tortillas da miña nai

Unha bebida
O viño

Unha persoa admirada
Os meus avós

Unha posesión prezada
Non teño

Un desexo
Saúde e unión

Algo para esquecer
Nada, todo suma

Que é o que máis valora nunha persoa?
A transparencia

Un desafío pendente
Correr unha maratón

Onde se ve en cinco anos?
Feliz rodeado dos meus

⚙ Configurar cookies
0.091415166854858