A X edición da Castro Trail regresa a Barbadás este domingo

OurenseXa
Máis de 400 corredores e corredoras de Galicia participarán nesta proba, que terá abertas as inscricións ata o xoves, 22 de maio
presentacion-castro-trail-2025
Presentación da X Castro Trail de Barbadás
20 May 2025

O Concello de Barbadás impulsa a décima edición da Castro Trail, unha das citas máis esperadas desta disciplina deportiva en Galicia. A proba celebrarase este domingo, día 25. Este ano, a carreira será Campionato Xunta de Galicia por equipos da Federación Galega de Atletismo, un novo aliciente para os participantes. “Temos a previsión de contar con preto de 400 inscritos”, explica David Losada, o organizador da proba. A concelleira de Deportes, Noemí Pintos, destaca o importante papel desta carreira no deporte galego, así como na posta en valor do concello.

A Castro Trail conta con tres categorías: percorrido longo (28 quilómetros), medio (14 quilómetros) e pequeno (9 quilómetros). “A proba raíña, a máis longa, está no campionato, e tamén a pequena, que é campionato de promoción para as categorías inferiores”, detalla Losada. Ademais, a cita deportiva tamén inclúe unha andaina de 14 quilómetros.

Os horarios varían segundo a proba: o trail longo comeza ás 9.00 horas; o medio ás 10.00 horas; o curto ás 9.45 horas; e a andaina ás 10.00 horas.

Paisaxes únicas

A proba percorre paisaxes únicas de Barbadás como as carballeiras de Santa Uxía e San Bieito, sendeiros tradicionais ou miradoiros. “Hai vistas impresionantes á cidade de Ourense, a Barbadás e á provincia en xeral. Son lugares máxicos que moita xente descoñece”, asegura.

Na Castro Trail participan os mellores corredores e corredoras de Galicia, tanto por equipos como a nivel individual, pero tamén persoas que queren gozar dunha xornada de deporte e natureza: “Animamos a todo o mundo a participar e aproveitar esta oportunidade para coñecer Barbadás”. Despois da proba, haberá pinchos, froita, bebidas e xeados, ademais de ambientación musical.

David Losada pon en valor a colaboración das institucións e empresas implicadas, así como do Concello de Barbadás, Protección Civil e a Policía Local de Barbadás. O prazo de inscrición remata este martes para o campionato de clubs, e o xoves para a participación individual.

⚙ Configurar cookies
0.16280603408813