A Xunta activa en Ourense un amplo dispositivo invernal para garantir a mobilidade na rede autonómica de estradas

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Este dispositivo conta con cinco centros operativos distribuídos pola provincia, equipados con máis de 2.000 toneladas de fundentes para facer fronte á neve e ao xeo
centro-conservacion-estradas-xunta-ourense
30 Jan 2026

A Xunta de Galicia puxo en marcha un operativo invernal na provincia de Ourense co obxectivo de asegurar a circulación e a seguridade viaria en condicións meteorolóxicas adversas. O delegado territorial, Manuel Pardo, visitou esta mañá o Centro de Conservación da Xunta en Ourense para supervisar os traballos do equipo encargado de manter as vías en bo estado durante o inverno.

Este dispositivo conta con cinco centros operativos distribuídos pola provincia, equipados con máis de 2.000 toneladas de fundentes para facer fronte á neve e ao xeo. Un total de 77 profesionais traballan con 49 máquinas entre as que se inclúen camións, pick-ups, retroescavadoras, cuñas quitanieves, esparexedores e estendedores de salmoira.

A provincia de Ourense é especialmente vulnerable ás condicións invernais debido a que arredor do 40% da súa rede autonómica, máis de 1.000 quilómetros de estradas, atravesan zonas con altitudes superiores a 600 metros, onde as nevadas e o xeo son frecuentes.

O Plan de Vialidade Invernal da Xunta, activo desde o 1 de novembro e ata o 30 de abril, inclúe medidas preventivas e de resposta rápida para minimizar os riscos na circulación. Ademais da labor de limpeza e mantemento, realízase unha vixilancia continua das vías e facilítase información actualizada aos usuarios mediante paneis informativos, páxinas web e canles oficiais.

⚙ Configurar cookies
0.091912984848022