A Xunta ampliará o transporte interurbano cara ao Hospital de Piñor, Monterrei e A Gudiña

OurenseXa
Así o anunciou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, nunha visita ao complexo deportivo de Monterrei
transporte-ourense
21 Jul 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, anunciou no complexo deportivo de Monterrei a ampliación da oferta de servizos de transporte público interurbano na comarca de Ourense. A medida, que entrará en vigor o vindeiro 22 de xullo, busca mellorar as conexións co Hospital de Piñor e coas piscinas de Monterrei, así como reforzar a intermodalidade na estación de tren da Gudiña-Porta de Galicia.

Segundo explicou o representante do Goberno galego, “co fin de dar resposta á crecente demanda de transporte público cara este centro sanitario”, a Xunta incorporará cinco novas expedicións semanais na ruta Piñeiro - Ourense Estación Intermodal. Dende a intermodal, haberá novas saídas ás 12:30, 17:00 e 18:00 horas, mentres que dende Piñeiro engádense outras dúas ás 14:00 e 18:30 horas, de luns a venres non festivos. Estas súmanse ás 22 que xa están operativas.

Ademais, algúns horarios sufrirán axustes de entre 5 e 10 minutos para optimizar o servizo ao longo do día. A liña Toén - Ribadela - Ourense E.I. contará con novos horarios de saída ás 10:30, 11:20 e 17:25 horas a partir do 22 de xullo.

Tamén se reforza a conexión co complexo deportivo de Monterrei, coa incorporación dunha nova saída ás 11:40 horas, de luns a venres, na liña que une A Valenzá e Ourense con Monterrei. Esta ruta pasa a contar con sete expedicións diarias durante a tempada estival.

Por outra banda, Pardo avanzou a reestruturación dos horarios dos autobuses que conectan a estación de tren da Gudiña-Porta de Galicia coas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín, co obxectivo de facilitar os desprazamentos intermodais das persoas que utilizan a conexión ferroviaria con Madrid.

Segundo indicou, “os axustes deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade garanten a marxe necesaria para enlazar cos 4 servizos ferroviarios que teñen saída da Gudiña con sentido cara Madrid”. Así, desde O Barco haberá autobuses con chegada á estación ás 11:50, 13:30 e 17:32 horas, mentres que desde Verín o servizo chegará ás 13:21 e desde Viana ás 15:16 horas.

Para os viaxeiros procedentes de Madrid, habilítanse autobuses con saída desde a Gudiña cara O Barco ás 10:45, 16:15 e 20:20 horas, e cara Verín ás 11:21, 15:51 e 20:11 horas, en coordinación cos trens que chegan ás 10:27, 15:32 e 20:02 horas.

Estas melloras buscan facilitar o acceso aos principais servizos públicos e garantir unha maior conectividade entre as distintas comarcas da provincia.

 

⚙ Configurar cookies
0.1664879322052