A Xunta apela á “responsabilidade” do Concello de Ourense para desbloquear o conflito da Alameda

OurenseXa
“Hai solución, hai financiamento, hai vontade institucional de Xunta e Deputación, por suposto tamén dos praceiros, e só falta a responsabilidade do Concello”, sinalou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración tras coñecerse a suspensión cautelar do desaloxo
praza-de-abastos-ourense
26 Feb 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou positivamente o auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense que suspende cautelarmente o desaloxo dos comerciantes da Alameda, no marco do conflito arredor da Praza de Abastos número 1.

A resolución xudicial frea polo momento a intención do Concello de Ourense de desaloxar os praceiros, aínda que condiciona a súa permanencia ao pagamento do canon actualizado cun recargo do 50 % nun prazo de dez días. De non efectuarse ese aboamento, a medida cautelar decaería e o Concello podería proceder ao desafiuzamento.

Tras coñecer o auto, González afirmou que desde a Xunta “celebramos esta decisión xudicial que achega cordura a un despropósito que ten creado o Concello de Ourense ao redor da Praza de Abastos nº 1”. Neste sentido, cualificou a resolución como “un auto moi claro e rotundo que ven a confirmar o que sempre defendemos en dúas cuestións fundamentais”.

Segundo explicou, a primeira cuestión é que o edificio da Praza de Abastos número 1 “non reúne, non ten as condicións para ser ocupado por os praceiros”, algo que, subliñou, recolle expresamente o propio auto. A segunda, que o desaloxo da Alameda provocaría aos comerciantes “un prexuízo de difícil ou imposible reparación”, ao impedirlles continuar co seu medio de vida.

O conselleiro lembrou ademais que a localización provisional na Alameda “non foi escollida de forma unilateral e caprichosa por os praceiros senón que foi froito dun acordo entre eles e o propio Concello no momento no que se iniciaron unhas obras na Praza de Abastos”.

Neste contexto, González volveu apelar “á responsabilidade do Concello”, ao que instou a aceptar a folla de ruta que, segundo indicou, está enriba da mesa desde hai meses. “Segue tendo na súa man, dende hai meses, unha folla de ruta viable e sen ningún custo para as arcas municipais”, sinalou, en referencia ao ofrecemento público de dous millóns de euros achegados por Xunta, Deputación e os propios praceiros para iniciar de inmediato as obras e permitir que tanto a Praza de Abastos número 1 como a Alameda recuperen o seu uso.

Por iso, o conselleiro considerou “absolutamente inédito que o Concello, sen ter que achegar nin un euro, rexeite unha solución que garante a finalización do proxecto” e concluíu que “hai solución, hai financiamento, hai vontade institucional de Xunta e Deputación, por suposto tamén dos praceiros, e só falta a responsabilidade do Concello”.

0.10163187980652