A Xunta concedeu 136 axudas para a adquisición de vivenda protexida en Ourense ao longo de 2025

A Xunta de Galicia concedeu ao longo de 2025 un total de 136 axudas para a adquisición de vivenda protexida, cun investimento global de 1,6 millóns de euros. Así o destacou este martes en Ourense a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, durante unha visita á cidade na que fixo balance desta liña de apoios e mantivo un encontro cunha das persoas beneficiarias.
Estas axudas forman parte dun dos tres programas autonómicos destinados a facilitar o acceso á vivenda, xunto ás subvencións dirixidas a mozos e mozas menores de 36 anos que adquiran vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes e ás orientadas á compra de inmobles en cascos históricos.
No caso concreto da adquisición de vivenda protexida, Allegue explicou que a elevada demanda levou á Xunta a incrementar o orzamento inicial, que pasou dun millón a 1,6 millóns de euros, co obxectivo de atender un maior número de solicitudes. A contía das axudas pode acadar ata 20.000 euros para persoas menores de 36 anos e ata 16.000 euros para o resto dos compradores.
A conselleira avanzou, ademais, que nos vindeiros meses se lanzará unha nova convocatoria destas axudas, que contará cunha dotación orzamentaria “reforzada”. Segundo indicou, poderán optar a elas tanto as persoas que adquirisen unha vivenda protexida desde o pasado 15 de outubro, data na que pechou o prazo de solicitudes de 2025, como aquelas que formalicen a compra ao longo de 2026.
Estas subvencións son compatibles co aval mozo da Xunta, que cobre ata o 20 % do prezo da vivenda, así como coas axudas dirixidas a promotores e cooperativistas para a compravenda, unha liña de fondos propios do Goberno galego destinada a impulsar a construción de nova vivenda protexida en colaboración co sector.