A Xunta defende a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade no Consello de Patrimonio Histórico de Roma

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O responsable de Patrimonio da Xunta, Ángel Miramontes, destacou as “boas sensacións” do Goberno galego respecto á candidatura
ribeira-sacra-canon-do-sil-recurso
Canón do Sil
24 Oct 2025

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, participou este venres no Consello de Patrimonio Histórico, que se está a desenvolver estes días en Roma, onde defendeu a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalzou o “valor excepcional” que reúne a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Pontevedra, e destacou os “atributos especiais e únicos” deste territorio.

Respecto á candidatura, Miramontes destacou o valor da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundia”, facendo referencia desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante patrimonio hidráulico que atesoura.

O responsable de Patrimonio da Xunta destacou as “boas sensacións” do Goberno galego respecto á candidatura tanto polas que foron recollidas en todo o proceso, “co que cumprimos rigorosamente cos tempos, trámites e documentación como pola última visita ao territorio que realizaron consultores da Unesco a principios de outubro”.
Neste contexto, director xeral de Patrimonio Cultural remarcou que se conta cunha candidatura “madura e sólida” que fai encarar este último tramo con “optimismo” e “confiar en que non decepcione” para acadar esta distinción en 2026.

Porén, advertiu de que todos os pasos a dar neste intre son “claves” de cara á decisión definitiva deste organismo no segundo semestre do vindeiro ano. “O camiño que nos queda é crucial e precisamos da colaboración e do empurre de todos”, subliñou, e agradeceu o “apoio en todo momento” tanto do Ministerio de Cultura como tamén da comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións dos 26 concellos de Lugo e Ourense que integran a candidatura.

Miramontes defendeu o “esforzo e traballo sen descanso” por parte da Xunta para fornecer Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Así, sinalou os preto de 8 millóns de euros que a Administración autonómica ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo nestes últimos anos.

Desta forma, ao longo deste período, sinalou Goberno galego executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.05415415763855