A Xunta destaca o compromiso do Concello de Vilamarín coa protección da paisaxe
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o compromiso do Concello de Vilamarín co fermosismo e a protección da paisaxe durante a visita que realizou ao lavadoiro de Cristoble, que foi rehabilitado ao abeiro da orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos.
A conselleira, que estivo acompañada polo alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, salientou que este concello ourensán recibiu preto de 40.000 euros para tres actuacións de fermosismo na convocatoria de 2023. Deste xeito, recuperáronse dous lavadoiros -o que hoxe visitou a conselleira e o de Barrio- e arranxouse o exterior dun inmoble municipal destinado a velorio.
Durante a súa visita, Ángeles Vázquez fixo fincapé no grande interese que xeran estas axudas entre as entidades locais e a veciñanza. Na convocatoria de 2024 aprobáronse apoios a un total de 346 particulares e 50 concellos, dos que a maioría corresponden á provincia de Ourense (20), seguidos de Lugo (13), A Coruña (11) e Pontevedra (6).
A maiores, a conselleira lembrou que desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2021, o Goberno galego apoiou con 9,5 millóns de euros a máis de 110 entidades locais e a 2.100 familias na execución de obras e actuacións para mellorar a imaxe exterior dos seus inmobles. Nesa liña, engadiu que “o vindeiro ano 2025 achegaremos dous millóns de euros para continuar a apoiar o desenvolvemento de actuacións de fomento do fermosismo e de protección da paisaxe na Comunidade”.