A Xunta destaca o dinamismo do tecido empresarial de San Cibrao das Viñas
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, clausurou a Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación de empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas.
Durante a súa intervención no acto —no que tamén estivo presente a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa, e o presidente da entidade, José Antonio Rodríguez Araujo— destacou a fortaleza, a perseveranza e o compromiso desta entidade ao longo do seu case medio século de traxectoria, sendo na actualidade un emblema de emprendemento con pegada no territorio e un símbolo de todo o que se pode acadar a través do esforzo colectivo, contribuíndo a seguir facendo de Galicia unha terra chea de oportunidades.
O titular de Emprego puxo en valor o dinamismo do tecido empresarial englobado na asociación, coa presenza de empresas que hoxe son fundamentais para a economía galega en sectores tan diversos como a automoción, a alimentación, a distribución, o téxtil, a madeira, a comunicación ou a tecnoloxía, conformando un ecosistema —indicou— que amosa as capacidades que atesoura a Comunidade galega e que triunfa nos mercados nacionais e internacionais. González tamén puxo en valor a capacidade desta entidade para dar resposta eficaz ás novas realidades e desafíos, impulsando iniciativas pioneiras e abrindo camiño en materia de seguridade, conciliación, sustentabilidade ou formación.
Retención e atracción de talento
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración amosou o compromiso da Xunta con ir da man das empresas e do tecido produtivo para seguir afianzando un mercado laboral forte e inclusivo, que dea resposta a retos globais e estruturais. Neste senso, puxo en valor que hoxe Galicia —en liña polo que avoga a Unión Europea— está dando resposta a estes desafíos a través de medidas autonómicas que están sendo referentes e pioneiras para garantir a retención de talento no mercado interno e impulsar a mobilidade e a atracción de persoas de terceiros países para abordar a necesaria cobertura das vacantes laborais existentes.
Ao respecto do mercado interno, mencionou as medidas en marcha para potenciar o Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da modernización das oficinas, da potenciación da ferramenta de intelixencia artificial EMi —precisamente posta en valor hoxe en Madrid— para casar oferta e demanda ou o reforzo do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego para garantir que nas listas figuren exclusivamente as persoas que realmente queren entrar no mercado laboral. Tamén lembrou o impulso estratéxico do Executivo galego pola formación á carta, traballando da man das empresas e dos clústeres na recualificación e a reciclaxe profesional dos traballadores ou lanzando medidas para impulsar a participación de colectivos estratéxicos, como as mulleres e a mocidade.
No que respecta aos traballadores foráneos, a Xunta prioriza a atracción de talento dos galegos da diáspora no marco da Estratexia Galicia Retorna, ao abeiro da que no 2025 se impulsarán medidas como as bolsas BEME ou o Retorna Cualifica Emprego, a través da que se realizarán feiras de emprego na Arxentina ou no Uruguai ademais de lanzar unha nova medida para a rehabilitación de vivendas destinadas a retornados. En paralelo, tamén se avanza na captación de traballadores de terceiros países, a través de accións en orixe e sempre vencellado a ofertas de traballo.