A Xunta destina 60.000 euros na mellora da eficiencia enerxética no polideportivo municipal de Baños de Molgas

OurenseXa
Os traballos teñen como obxectivo cambiar a cuberta do pavillón para garantir o illamento e as mellores condicións de uso
pavillon-municipal-baños-de-molgas
Pavillón Muncipal de Baños de Molgas
18 Out 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este xoves o concello de Baños de Molgas para coñecer as actuacións de mellora da eficiencia enerxética no pavillón polideportivo municipal que contan co apoio da Xunta. O Goberno galego colabora no proxecto cunha achega de 60.000 euros no marco da liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes.

Segundo explicou a directora xeral, vaise cambiar a cuberta do pavillón para garantir o illamento e as mellores condicións de uso. Búscase así reducir o consumo enerxético e favorecer o benestar das persoas usuarias. Deste xeito, desmontarase a actual cobertura de chapa e no seu lugar Instalarase panel sándwich, ademais de substituír os canlóns. A obra suporá a retirada dos paneis solares existentes, que se volverán colocar sobre a nova cuberta.

As actuacións previstas enmárcanse na liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local deste ano, dotada con 5 millóns de euros e destinada á mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais, con prioridade para as instalacións deportivas. Na provincia de Ourense houbo 28 concellos beneficiarios, que recibiron achegas por un importe global de máis de 1,5 millóns de euros.

Preto de 650.000 euros investidos en Baños de Molgas

A maiores da achega para as melloras no pavillón polideportivo, neste exercicio Baños de Molgas beneficiouse doutras liñas de apoio da Xunta, como a orde de infraestruturas municipais, cunha achega de 25.000 euros para a pavimentación de varios camiños, ou a orde para a contratación de socorristas, con 2.600 euros. Tamén recibiu preto de 116.000 euros para outras obras de eficiencia enerxética no marco dos fondos europeos Feder.

Nos últimos anos o Goberno galego investiu preto de 650.000 euros en proxectos impulsados polo concello de Baños de Molgas a través de distintas liñas de apoio ás administracións locais. Así, o pasado ano melloráronse as redes de abastecemento con actuacións na ETAP de Calvelo con achegas que sumaron 75.000 euros e en exercicios anteriores actuouse en diversas infraestruturas e reforzouse o equipamento para os servizos municipais. Por outra banda, só en 2023 a localidade recibiu preto de 180.000 euros do fondo base do Fondo de Cooperación Local.

Natalia Prieto referiuse á aposta que está a facer a Xunta polo impulso da eficiencia enerxética nas infraestruturas públicas, cunha liña específica de axudas no marco do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.

A directora xeral incidiu tamén no compromiso da Xunta cos concellos a través de diversas medidas que facilitan melloras en infraestruturas e servizos locais básicos para a veciñanza. Así, neste exercicio o investimento autonómico para apoiar as administracións locais supera os 600 millóns de euros. O obxectivo é favorecer o equilibrio territorial e garantir a calidade de vida da poboación galega con independencia do seu lugar de residencia.

0.19885897636414