A Xunta emite un informe desfavorable á proposta do PXOM de Ourense

OurenseXa
Observan “erros emendables” e confían “na súa pronta subsanación”
manuel-pardo-encarnacion-rivas
Manuel Pardo e Encarnación Rivas
13 Jun 2025

A Xunta ve “erros emendables” no documento do PXOM remitido polo Concello de Ourense, respecto do cal a Dirección Xeral de Urbanismo acaba de emitir informe desfavorable. A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, deu conta hoxe deste informe que, segundo sinalou, é subsanable e confía en que o Concello poida resolver os requirimentos que nel se indican á maior brevidade posible.

O informe técnico sinala, entre outras cuestións, a necesidade de que a Administración local actualice os datos informativos considerados no PXOM, relativos a habitantes, número de vivendas, redes de servizo, que variaron nos últimos anos e dos que depende directamente a exixida xustificación das previsións de crecemento residencial e empresarial do Plan Xeral.

Sinala tamén que se precisan acometer as adaptacións derivadas das modificacións lexislativas en urbanismo, patrimonio cultural, paisaxe ou infraestruturas e xustificar máis ao detalle os parámetros urbanísticos de edificabilidade existente e proposta, aproveitamento urbanístico, número de vivendas existentes e previstas, así como a consolidación edificatoria dos núcleos rurais.

Nesa liña, os técnicos indican que o PXOM debe xustificar aspectos como si as zonas verdes e equipamentos previstos contan coas condicións de configuración e accesibilidade requiridas para o seu uso e goce pola cidadanía e si, en consecuencia, son suficientes en relación coa previsión de vivendas totais do plan, ademais de xustificar regulamentariamente a necesidade de novos solos urbanizables residenciais.

A Xunta lembra que o PXOM é unha ferramenta fundamental para garantir o desenvolvemento sostible e ordenado, tanto residencial coma empresarial e industrial e confía en que o Concello poida remitir o novo documento emendado coa maior axilidade.

Una vez que o Concello dea resposta aos requirimentos da Xunta, o documento terá que ser sometido ao pertinente análise técnico pola Administración autonómica, que terá que pronunciarse nun prazo máximo de 3 meses sobre o cumprimento das deficiencias agora formuladas.

Tras ese informe autonómico favorable, o Pleno do Concello poderá acordar a aprobación definitiva do PXOM.

⚙ Configurar cookies
0.16434597969055