A Xunta entrega ao Banco de Alimentos de Ourense os produtos recollidos durante a campaña “Por un Nadal feliz para todos”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entregou esta mañá ao Banco de Alimentos de Ourense os produtos non perecedoiros recollidos ata a data na campaña solidaria impulsada polo servizo provincial de Emerxencias da Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Esta iniciativa conta coa colaboración de 37 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de distintos municipios da provincia.
Baixo o lema “Por un Nadal feliz para todos”, a campaña busca apoiar ás familias máis necesitadas durante estas datas. Para iso, instaláronse puntos de recollida en edificios públicos como concellos, centros de saúde, colexios e centros sociais, así como en supermercados, tendas e áreas comerciais, onde a cidadanía pode depositar alimentos non perecedoiros que, en dúas quendas, son enviados ao Banco de Alimentos.
Manuel Pardo agradeceu expresamente “o labor desinteresado e altruísta das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil a favor dos máis desfavorecidos”, e engadiu que “agardamos que a nosa pequena achega axude a formar unha auténtica montaña de alimentos que contribúa a paliar as carencias dos que máis o necesitan, logrando entre todos un Nadal cheo de ledicia para todos”.
As agrupacións participantes representan a numerosos concellos da provincia, entre eles Allariz, Amoeiro, Avión, Baños de Molgas, Beariz, Os Blancos, Boborás, A Bola, Calvos de Randín, O Carballiño, Castrelo de Miño, Chandrexa de Queixa, Coles, Cortegada, Entrimo, Esgos, A Gudiña, Gomesende, O Irixo, Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Piñor, A Pobra de Trives, Porqueira, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sarreaus, A Veiga e Vilamarín.