A Xunta entrega equipamento de emerxencias a 28 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense

OurenseXa
Trátase de 2 remolques, 11 tendas de campaña para a atención ás emerxencias e 8 ferramentas eléctricas, así como 7 kits de material loxístico para a seguridade viaria
A Xunta entrega equipamento de emerxencias a 28 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil
A Xunta entrega equipamento de emerxencias a 28 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil
7 Xul 2024

A Xunta entrega equipamento de emerxencias a 28 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de 26 concellos e 2 Mancomunidades de Concellos da provincia de Ourense que suman un investimento de máis de 115.000 euros. Trátase de 2 remolques, 11 tendas de campaña para a atención ás emerxencias e 8 ferramentas eléctricas, así como 7 kits de material loxístico para a seguridade viaria.

As agrupacións de Voluntarios da provincia de Ourense beneficiarias son as Allariz, Barbadás, Boborás, Cortegada/Padrenda, Maceda, A Pobra de Trives. Avión, O Bolo, Manzaneda, Petín, Verín, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia, Maside, Sandiás, Amoeiro, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, Beariz, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Rúa, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, e as mancomunidades do Ribeiro e Terra de Celanova.

Os remolques entregados contan con electro bomba somerxible, motobomba para augas residuais, xerador de electricidade portátil, motoserra, rozadoira, torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización. Pola súa banda, as tendas de campaña teñen teitos de 4x4 metros, estruturas reforzadas de aluminio e kit de iluminación de baixo consumo, entre outras características. En canto ás ferramentas eléctricas, o kit consta de amoladora, serra sable, motoserra con mochila para transporte, taladro percutor, miniarrancador, baterías e cargadores.

O material loxístico para a seguridade viaria inclúe unha mampara de protección visual plegable, soportes telescópicos antivento, pack de sinalización, tetrápodos con reflectantes, balizas sincronizables e lanternas.

O equipamento entregado enmárcase na orde de axudas en equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Dos 86 colectivos beneficiarios desta convocatoria, 28 son de Ourense. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do programa Feder de Galicia.

A Xunta reafirma o compromiso cos servizos de emerxencias a pesar de ser competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación-. Nesta liña, a Xunta realizou nos últimos anos un importante investimento para reforzar o equipamento aos servizos de emerxencias municipais. Só no caso de Protección Civil, as achegas dos últimos anos para o financiamento da súa actividade, equipamento e formación suman máis de 22 millóns de euros. De feito, neste ano, preto de 200 AVPC se beneficiaron da orde anual para gastos de mantemento, dotada con 340.000 euros.

0.1751720905304