A Xunta impulsa a humanización dunha praza en Fonteboa cun investimento de máis de 133.000 euros

A Xunta vén de adxudicar por máis de 133.000 euros as obras de humanización dunha praza no núcleo de Fonteboa, no Concello de San Cibrao das Viñas. O contrato foi concedido á empresa Construcciones y Almacenes M. Viso e Hijos S.L., que disporá dun prazo máximo de tres meses para completar os traballos.
A intervención levarase a cabo na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da auga, onde se procederá á remodelación integral do espazo. O proxecto contempla a colocación de novo arborado, bancos, papeleiras, xardineiras e un cartel luminoso coa lenda “Fonteboa”. Ademais, instalaranse seis bancos, catro alcorques con árbores e dúas novas luminarias.
Os traballos incluirán tamén o pavimentado con lastras de granito nalgunhas zonas e con formigón noutras, a demolición do muro e do lavadoiro existente —que serán reconstruídos—, así como actuacións de drenaxe completa en todo o recinto.
As obras están enmarcadas no Plan Hurbe, o programa do Goberno galego destinado a apoiar aos concellos en proxectos de humanización e creación de espazos públicos de calidade. Neste caso, a Xunta asumirá o 70 % do orzamento, mentres que o Concello de San Cibrao das Viñas financiará o 30 % restante e encargaráse do mantemento posterior.
A través de actuacións coma esta, o Plan Hurbe busca mellorar a calidade de vida da veciñanza e contribuír á fixación de poboación nos municipios, apostando por espazos urbanos máis accesibles, sostibles e funcionais.