A Xunta pide a autorización da CHMS para comezar cos traballos de limpeza da Ponte Vella

OurenseXa
Os traballos levaranse a cabo previsiblemente en xuño e consistirán na retirada manual da vexetación nos paramentos e na limpeza das xuntas
ponte-romana-ourense-recurso
30 Mar 2025

A Xunta solicita autorización á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para realizar traballos de limpeza de vexetación na Ponte Vella de Ourense. Ademais tamén se está a recabar autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acometerá, previsiblemente no vindeiro mes de xuño, estas actuacións de mantemento nos paramentos e tallamares da ponte.

Trátase da retirada manual da vexetación e maleza que existe nos paramentos de cantería, así como da limpeza das xuntas coa eliminación da terra e raíces.

Os traballos levaranse a cabo de xeito vertical e sen realizar perforacións, empregando ferramentas e medios manuais e sen afeccións á ponte nin ao río Miño.

Estas intervencións complementarán ás de mellora que se están a executar na súa contorna, como a nova escaleira conformada de baixada ao paseo do Miño no lado norte.

Os traballos tamén se sumarán á pavimentación do entronque da ponte coa avenida das Caldas, practicamente rematada, e ás actuacións de posta en valor e mellora da iluminación executadas nos anos anteriores na ponte e na zona da capela dos Remedios.

⚙ Configurar cookies
0.36390089988708