A Xunta pon en valor o compromiso do Concello de Esgos coa dinamización laboral da contorna

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo unha reunión co alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, centrada no impulso da colaboración institucional entre ambas administracións en materia de emprego e desenvolvemento económico local.
O conselleiro valorou positivamente o compromiso do concello coa dinamización laboral da contorna e destacou a importancia de seguir sumando esforzos para mellorar as oportunidades profesionais da veciñanza, especialmente no medio rural. Cómpre sinalar que Esgos impulsa diferentes iniciativas neste eido co apoio da Xunta de Galicia. Entre elas, salienta o programa Aprol Rural, que contou cunha achega de preto de 46.500 euros na súa última edición orientada á contratación de persoas desempregadas para realizar tarefas de limpeza e prevención de incendios forestais. O municipio tamén é beneficiario dos obradoiros duais de emprego como parte da mancomunidade voluntaria de concellos da comarca de Ourense, cunha achega conxunta de máis de 410.000 euros para desenvolver o obradoiro Terra de Mosteiros.