A Xunta reforza a xestión da biomasa preto das vivendas para previr incendios en Ourense

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a importancia de xestionar a biomasa nas franxas secundarias próximas ás vivendas para mellorar a prevención de incendios forestais. Fíxoo durante unha visita á parroquia de Cudeiro, en Ourense, onde se realizaron traballos de limpeza e rozado no marco do convenio asinado coa empresa pública Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Acompañada pola directora de Seaga, Luisa Piñeiro, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, Gómez resaltou que estas actuacións non só protexen as vivendas, senón que tamén facilitan o traballo dos equipos de extinción. En Cudeiro traballáronse máis de 11 hectáreas este ano, e en todo o termo municipal de Ourense, un total de 35 hectáreas. A maior parte destes labores realízanse mediante contratos con particulares de parroquias prioritarias, como Cudeiro.
A conselleira lembrou que o mantemento destas franxas corresponde aos propietarios, e se non cumpren, os concellos deberán intervir subsidiariamente, segundo a Lei de incendios de 2007. Desde 2018, a Xunta ofrece apoio ás administracións locais e propietarios para facilitar estes traballos a través do convenio con Seaga.
De cara a 2026, o convenio reforzarase cun incremento da inversión ata os 25 millóns de euros, o dobre que no exercicio actual. Ademais, ampliarase o número de parroquias prioritarias, axilizaranse as actuacións subsidiarias nas zonas de maior risco e prestarase máis apoio aos municipios con menos de 10.000 habitantes. Tamén crearase máis barreiras naturais mediante a plantación de árbores de folla ancha, unha medida xa contemplada no acordo vixente.
María José Gómez subliñou que a prevención e extinción de incendios forestais é unha prioridade para o Goberno galego e asegura que para 2026, a inversión en prevención aumentará un 50 %, alcanzando os 75,38 millóns de euros. Así mesmo, prestarase especial atención á mellora da rede de bases operativas e aéreas, como a renovación do aeródromo de Antela en Sandiás e a futura base de operacións en Bande, que tamén será sede do distrito XV-A Limia.