A Xunta traballará para implantar o transporte metropolitano en Ourense
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acordan reforzar a colaboración entre ambas institucións para seguir impulsando a economía da provincia e o benestar da cidadanía. Así o trasladou o titular do Executivo galego tras a reunión que mantiveron na cidade das Burgas. Rueda valorou o ton construtivo e cordial do encontro, sinalando que hai moitos campos “onde a Xunta e as deputacións podemos facer moitísimas cousas” e incidindo en que “a unión sempre fai a forza”.
Un dos puntos da xuntanza foi o impulso á Estación de Manzaneda, que, tal e como subliñou Rueda, está “inmersa nun proceso de desestacionalización que está dando froitos”. A Xunta e a Deputación acordaron liquidar a débeda, para o cal a Administración autonómica achegará 1,5 millóns de euros e a Deputación un millón máis. A partir de aí, tal e como explicou Rueda, acordouse achegar anualmente entre ambas administracións 800.000 euros para a súa xestión ordinaria.
Tamén en relación co sector turístico, Xunta e Deputación seguirán impulsando conxuntamente o termalismo, así como a Vía da Prata e o Camiño de Inverno, contribuíndo á súa difusión e dotando de servizos as rutas xacobeas.
Ademais, contribuirase a reforzar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Así, o presidente do Goberno galego destacou o proxecto de mobilidade sostible que se vai desenvolver na zona, cun orzamento de 5 millóns de euros dos cales a Xunta achega 3 millóns. Por parte da Deputación de Ourense confirmouse que a entidade provincial achegará un millón máis, sinalando Rueda que lle pedirá un compromiso similar ao presidente da Deputación de Lugo.
No eido do trasporte, traballarase para implantar o transporte metropolitano en Ourense, que beneficiaría non só aos veciños da cidade senón aos de toda a contorna. Para iso é “imprescindible”, tal e como subliñou o máximo responsable do Goberno galego, a intervención do Concello de Ourense. Tamén se seguirá demandando ao Goberno central que realice os estudos de viabilidade e achegue o financiamento para a realización da estación de mercadorías de San Cibrao. Rueda lembrou a disposición da Xunta a ceder máis de 100.000 m2 para impulsar esta infraestrutura.
O presidente da Xunta tamén sinalou que se manterá a cooperación en materia de loita contra os incendios forestais, unha “colaboración exemplar” que se plasma nun protocolo anual para levar a cabo actuacións preventivas, no que desde a Xunta se invisten 2,8 millóns de euros e desde a Deputación 1,3 millóns, ata chegar aos 4,1 totais.
No eido rural, Rueda fixo fincapé en que “nun a Xunta nin a Deputación imos deixar na estacada” aos regantes da Limia. Recordou que a Xunta leva investidos 7 millóns de euros e demandou de novo ao Executivo central que asuma o IVE das actuacións que se fixeron.
En materia de servizos sociais, acordouse que a Deputación colaborará economicamente cos concellos beneficiarios do Plan de investimentos da Xunta para construír, reformar ou ampliar centros de maiores de titularidade municipal. A Administración autonómica achegará 18,5 millóns de euros para 24 actuacións en toda Galicia, e Ourense é a provincia máis beneficiada con 16 proxectos, nos cales a Deputación tamén colaborará completando o financiamento que teñen que realizar os concellos.
Na xuntanza tamén se abordou a posta en marcha dun plan piloto para colaborar cos concellos na contratación de persoal técnico para colaborar cos Servizos Sociais municipais. Do mesmo xeito, a Deputación de Ourense cooperará en distintas accións impulsadas pola Xunta para a formación de traballadores e a obtención de certificados de profesionalidade. De igual forma, a Deputación de Ourense apoiará a demanda autonómica ao Ministerio de Xustiza para a creación dun xulgado de loita contra a violencia machista na cidade que preste servizo a toda a provincia.
Proxectos no eido do deporte, o solo industrial e o ámbito sanitario
A xuntanza celebrada hoxe na sede da Delegación territorial da Xunta en Ourense tamén permitiu avanzar noutras colaboracións en ámbitos como o sanitario, o deporte ou o solo industrial. Así, a Deputación cederá a parcela para a construción do Centro de Saúde de Mariñamansa, unha vez que o Concello realice o cambio de uso necesario. En materia de infraestruturas, tamén se continuará impulsando a mellora da OU-533, estratéxica tras a entrada en funcionamento da alta velocidade por prestar servizo á estación da Gudiña e tamén será obxecto de melloras a OU-540 que une coa fronteira portuguesa.
No ámbito industrial, desenvolveranse diferentes medidas para paliar a falta de solo industrial, con actuacións centradas na ampliación do Polígono de San Cibrao, e tamén no parque empresarial do Pereiro, entre outras.
No relativo aos deportes, no encontro abordouse a construción da Cidade Deportiva provincial de San Cibrao das Viñas, e as actuacións que vai desenvolver a Deputación para seguir dotando de valor o parque acuático de Monterrei.