Aberta a inscrición para os obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense

O campus de Ourense ten abertas ata o 11 de febrero as inscricións para os obradoiros do segundo cuadrimestre da programación de extensión universitaria do campus de Ourense, organizada pola vicerreitoría coa financiación da Deputación Provincial. Nesta ocasión, ofrécense 14 cursos que están abertos á participación tanto da comunidade universitaria como ao público en xeral.
A matrícula debe realizarse a través da plataforma Campus Activo da Universidade de Vigo. O prezo dos obradoiros é de 41 euros para o público xeral, mentres que diferentes colectivos vinculados á Universidade teñen tarifas reducidas de 26,65 ou 32,80 euros. O número de prazas varía entre 10 e 25, e cada obradoiro está recoñecido cun crédito ECTS por cada 25 horas de traballo. A duración dos cursos oscila entre 20 e 33 horas, agás as aulas de teatro, que se estenden durante un período maior.
Entre as novidades deste cuadrimestre destaca o obradoiro ‘Éxito comercial: claves para emprender e facer medrar un negocio’, dirixido por Federico Martín Miretti, destinado a ‘persoas que queren mellorar os resultados dun negocio, xa sexa propio ou alleo’. Outra incorporación é o curso ‘Introdución a 3D con Blender’, que baixo a dirección de Alberto Abal ofrece ‘unha introdución completa ás prácticas máis importantes para comezar a formación neste campo’.
Tamén se presenta por primeira vez o obradoiro ‘Exposición á pornografía online na adolescencia: análise, impacto e intervención socioeducativa’, impartido por Jennifer Rodríguez, no que se analizará como a pornografía dixital e as redes sociais inflúen na vida das persoas adolescentes, nas súas relacións, na construción da sexualidade e nos roles de xénero. Desde a Facultade de Educación e Traballo Social, o curso ‘O proceso de reinserción sociolaboral con persoas privadas de liberdade’, dirixido por Jesús Deibe Fernández Simo, aborda as dimensións clave do acompañamento socioeducativo e os retos dos mecanismos de apoio a este colectivo.
A oferta inclúe tamén a segunda edición do obradoiro ‘Costura creativa e sostible’, que busca que o alumnado ‘progrese no deseño, a elaboración de patróns e a confección de pezas de roupa’, baixo a dirección de Estefanía Carrera. Volven ademais os cursos de 'Introdución á observación astronómica', con José Ramón Salgueiro, onde se coñecen principais obxectos de observación como lúas, planetas, estrelas e galaxias, e o ‘Obradoiro de fotografía creativa’, a cargo de Santiago Barreiros, que combina aspectos técnicos e artísticos para desenvolver proxectos innovadores.
No apartado das artes escénicas, as aulas de teatro, dirixidas por Fernando Dacosta e impartidas por Sarabela Teatro, repartense en tres niveis: Rosaura (iniciante), Cordelia (intermedio) e Maricastaña (avanzado). En música tradicional galega, Gonzalo Abelairas ofrece un obradoiro centrado en técnicas de gaita e percusión. Na danza, destacan dous obradoiros de danza contemporánea dirixidos por Nuria Sotelo e Mikel Aristegui, orientados ao traballo creativo a través do corpo e o movemento, e outro de creación escénica impartido por Ainhoa Linaza. Completa a programación o obradoiro ‘Danzas do mundo e interculturalidade’, baixo a dirección de Ana María Torrado, que explora un amplo repertorio de danzas infantís, xuvenís, históricas e populares dos cinco continentes.