Aberto o prazo para anotarse no Aldaba-TIC Camp 2025 en Ourense

OurenseXa
O campamento tecnolóxico de verán que acolle o campus de Ourense terá lugar do 23 ao 27 de xuño e terá como eixo temático e título Salvar a Terra
Aldaba-TIC Camp
Aldaba-TIC Camp 2024
19 May 2025

O Aldaba-TIC Camp regresará un ano máis á Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense do 23 ao 27 de xuño. O prazo para anotarse nesta nova edición edición do campamento tecnolóxico de verán destinado á rapazada está aberto desde este luns, 19 de maio.

A actividade está organizada pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, iniciativa das universidades de Vigo e A Coruña e da empresa Aldaba, celebrándose na cidade herculina un campamento similar. O seu obxectivo é “espertar vocacións tecnolóxicas en mozas e mozos en idades temperás, darlles a coñecer o mundo TIC e axudarlles a desenvolver habilidades técnicas dun xeito divertido”.

Ademais, o campamento quere axudar a aumentar a porcentaxe de alumnado feminino en estudos relacionados coas TIC, sendo un dos principais retos da cátedra organizadora contribuír á igualdade de xénero nas titulacións tecnolóxicas. Por este motivo, Aldaba-TIC Camp dá prioridade ás nenas coa reserva dun 80% das súas prazas para elas. Só se o número de solicitantes descende por debaixo da cota ofertada, as prazas serán asignadas aos nenos en lista de agarda.

O campamento está aberto á inscrición de nenas e nenos nacidos entre os anos 2013 e 2019 e terá como eixe temático e título ‘Salvar a Terra’. As e os participantes aprenderán, dun xeito ameno, sobre cuestións como o adestramento con drons, intelixencia artificial, 3D, domótica e programación de robots, tomando como fío condutor “unha misión para protexer o medio ambiente e conseguir salvar o planeta Terra”. A iniciativa desenvolverase en horario de 9.00 a 14.00 horas, con servizos opcionais de madrugadores (de 8.00 a 9.00 horas) e comedor (de 14.00 a 15.00 horas).

⚙ Configurar cookies
0.16515207290649