Abre o prazo de preinscrición para a Romaría Etnográfica Raigame 2025

OurenseXa
O prazo para participar na edición de 2025 que se celebrará o 17 de maio en Vilanova dos Infantes estará aberto ata o 5 de marzo
romaria_raigame_1
20 Feb 2025

A Romaría Etnográfica Raigame, festa de Interese Turístico de Galicia organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova, ten aberto entre os días 19 de febreiro e 5 de marzo, o período de pre-inscrición para todos aqueles que desexen participar na edición de 2025 a celebrar o 17 de maio en Vilanova dos Infantes.

Como nas precedentes edicións, a Romaría Etnográfica Raigame mantén o seu compromiso coa cultura tradicional galega, contribuíndo á conservación, divulgación e posta en valor da artesanía, a gastronomía, a música, canto e baile tradicionais, sendo dende 2002 un referente na celebración do día das Letras Galegas, tal como o acredita as máis de 5.000 persoas que cada a ano a visitan.

Mostras de oficios tradicionais, degustación de produtos do país, exposicións etnográficas, actuacións de agrupacións folclóricas, monicreques, contacontos, animación de rúa e moitas outras actividades na que participan máis de 100 artesáns e artistas, conformarán unha programación rica e variada que pretende cumprir un ano máis coas pautas de calidade que caracterizan á Romaría Etnográfica Raigame.

A solicitude deberase presentar a través da sede electrónica do Concello de Celanova ou presencialmente na oficina de rexistro, mediante o modelo formalizado que se atopará, xunto coas normas de participación, tanto nas web www.raigame.gal como nas RRSS da Romaría Raigame e do Concello.

0.18067312240601