Abre o prazo para participar na iniciativa Espazos Efémeros de Celanova

O Mercado de Abastos de Celanova acollerá do 2 ao 4 de abril as xornadas Espazos Efémeros, unha iniciativa destinada a impulsar o comercio local e o emprendemento no rural galego, combinando tradición e innovación.
Durante estas xornadas, o mercado converterase nun punto de encontro para mostrar e valorar proxectos de diferentes sectores como o téxtil, a cerámica, a xoiería, a tecnoloxía e a gastronomía, destacando a diversidade e o talento da comarca.
O evento organizarase en dous espazos diferenciados: no andar inferior desenvolverase unha feira con exposición e venda de produtos e servizos innovadores, mentres que no andar superior instalarase a zona gastronómica, onde se poderán degustar e adquirir os produtos, creando tamén un ambiente de lecer con obradoiros e concertos en directo.
As persoas ou entidades interesadas en participar deberán presentar a súa solicitude enviando a documentación requerida ao correo electrónico tecnico@limia-arnoia.gal, dentro dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación das bases. A selección dos proxectos valorará aspectos como a calidade, a sustentabilidade, a orixinalidade e a conexión co territorio.
Espazos Efémeros é un proxecto de cooperación transnacional promovido por varios Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, Asturias e Portugal, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e outras entidades, que busca crear modelos innovadores para a dinamización cultural e comercial no medio rural.