A Deputación reclamará a Renfe que rectifique na súa decisión de suprimir paradas na Gudiña

OurenseXa
No pleno celebrado este venres tamén se aprobaron as ordenanzas das escolas de artes e oficios ou medidas para a prevención da EHE, entre outros asuntos
Pleno da Deputación do mes de xullo
13 Jan 2025

Os catro grupos políticos con representación na Corporación provincial de Ourense (PP, PSOE, BNG e Democracia Ourensana) aprobaron hoxe en pleno por unanimidade unha reclamación dirixida ao Goberno central e Renfe para que rectifiquen as “inxustas decisións” que están a supoñer un “desprezo aos habitantes do interior de Galicia”, en tanto que o Ministerio de Transportes ten previsto adoptar a partir do 9 de xuño unha serie de medidas que afectarán aos usuarios do ferrocarril na estación da Gudiña-Porta de Galicia.

Con esta iniciativa, todos os grupos denuncian a eliminación de paradas do AVE na citada estación, a carencia de descontos nos billetes como si teñen outras terminais ou, como reclamación ante ADIF, que se solucionen as carencias de accesibilidade a este espazo.

Polo que respecta á supresión de servizos, a decisión do Ministerio de Transportes vai supoñer a perda de tres paradas do AVE, o que implica a desaparición do primeiro servizo matinal que ata hoxe permite chegar a Madrid ás 10.34 horas. A partir do 9 de xuño, os usuarios chegarán ás 14.08 horas. No caso de querer regresar no mesmo día o tempo de estancia na capital do Estado redúcese a catro horas, xa que o último tren de volta á Gudiña sairá ás 18.06 horas.

Na moción advírtese que o recorte de servizos afecta aos habitantes de sete comarcas: as ourensás de Monterrei, A Limia, Viana, Valdeorras, e ás portuguesas de Tras-Os-Montes, Chaves e Vila Real, engadindo ademais os prexuízos que provocará aos peregrinos que inician desde A Gudiña o camiño da Vía da Prata.

A iniciativa pon o foco tamén no feito de que a estación Porta de Galicia non parou de medrar en usuarios dende a súa inauguración en decembro de 2021. Desde aquela xa pasaron 107.400 viaxeiros por esta terminal, 38.600 durante 2024.

Xunto con horarios razoables nas paradas do AVE na Gudiña, o texto aprobado esta mañá pide que se apliquen todos os descontos que se fan noutras estacións de alta velocidade, situación que Renfe “nunca aclarou”.

Critica a moción o “desleixo” da estación por parte do Goberno central e ADIF, pedindo que se adopten medidas de accesibilidade, como a instalación dun ascensor que facilite a mobilidade ás persoas discapacitadas e como alternativa a unha rampla de preto de cen metros de lonxitude.

ESCOLA DE ARTES

A orde do día incluía a modificación das ordenanzas das escolas provinciais de Artes e Oficios, de Danza e de Gaitas. Nos tres casos trátase de modificar o sistema de pagamento das matrículas, que será a través do modelo de autoliquidación -eliminando así o movemento de diñeiro en efectivo- nas entidades colaboradoras fixadas pola Deputación (bancos, oficinas de Correos ou pasarela de pagos da sede electrónica da propia institución provincial).

Entre os asuntos aprobados hoxe figuraba ademais a adhesión á Rede de Entidades Locais Gandeiro Cárnica, unha iniciativa da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) para defender e dar visibilidade ao sector gandeiro-cárnico, esencial para o desenvolvemento económico no rural, ademais de xogar un papel destacado na cohesión territorial. A Deputación de Ourense, con esta adhesión, recoñece e pon en valor o relevante peso que este sector ten na provincia.

Sinalar por último a cesión ao Concello de Leiro dun treito de algo máis dun quilómetro da estrada provincial OU-0301, entre San Clodio e Cenlle.

PREVENCIÓN DA EHE

De volta ao capítulo de propostas, a Corporación aprobou unha iniciativa na que se esixen á Xunta de Galicia accións de prevención e mitigación en Ourense contra a previsible afectación ao gando da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Entre estas accións figura unha partida orzamentaria para indemnizacións, sexa por morte do animal ou polos tratamentos e servizos veterinarios. Tamén se pide subvencionar a vacinación voluntaria, sempre que así o indique o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), favorecendo así a inmunización da cabana gandeira ourensá e galega e un plan con medidas preventivas e formativas.

XULGADOS DE PAZ

Na sesión acordouse, por outro lado, manifestar o apoio da Deputación de Ourense ao labor dos xuíces e secretarios dos xulgados de paz, en favor da proximidade da xustiza ao territorio e ás persoas. Pídese instar ao Goberno de España a promover a modificación da Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa do Servizo Público de Xustiza para devolver aos xuíces de paz a intervención na celebración de matrimonios e manter todos os servizos, dotándoa da partida orzamentaria correspondente para desenvolver as súas funcións. Outra das peticións refírese á simplificación do proceso instaurado actualmente, que supón unha carga de traballo moito maior para os secretarios de xulgado de paz, a maioría persoal propio das administracións, lastrando os labores que facía, sen mellora das súas retribucións pese a asumir maiores competencias.

TABERNAS

O pleno tamén deu o visto bo a unha proposta para a creación dun censo provincial de bares e tabernas rurais en concellos de menos de 1.500 habitantes; unha liña provincial de axudas para gastos correntes, pequenas reformas, a adaptación á normativa sanitaria, accesibilidade ou a mellora de equipamentos. Ademais, pídese á Xunta de Galicia unha estratexia de apoio integral á hostalaría rural e máis en concreto aos negocios en zonas de risco por despoboamento, recoñecendo o seu valor como servizos básicos no territorio en concellos de menos de 3.000 habitantes.

GASTOS POLA ABAU

Por último, o pleno aprobou unha solicitude á Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUGA) para que retire o concepto de “gastos de xestión” que inclúen os convenios para a celebración da ABAU, por consideralos inxustos, pouco transparentes e desproporcionados para os concellos rurais. Pídese á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional unha relación de gastos asociados á organización das probas de acceso á universidade tendo en consideración a realidade territorial e a capacidade económica dos concellos. Ínstase ademais á Deputación de Ourense a que medie entre a Xunta e os concellos, ademais dunha manifestación de apoio institucional da Deputación e o Concello de A Rúa, mostrándose contrarios ao novo custo e a prol da educación pública e accesible para toda a poboación da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.17021322250366