Activado o Plan de Vialidade Invernal na provincia de Ourense

A Deputación de Ourense puxo en marcha o Plan de Vialidade Invernal, un dispositivo destinado a garantir a seguridade nos 1.000 quilómetros de vías provinciais con risco de neve e xeo. O presidente provincial, Luis Menor, visitou o parque de maquinaria de San Cibrao das Viñas, onde se está ultimando o operativo, integrado por preto de medio cento de profesionais, unha vintena de vehículos e unha reserva de 1.850 toneladas de sal distribuídas en nove almacéns.
Durante a visita, Menor estivo acompañado pola directora da Área de Infraestruturas, Marta Docampo, e polo responsable do parque, José Fírvida, quen detallaron o funcionamento dun plan que conta con centros operativos en Ourense, Verín, A Pobra de Trives, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, Parada de Sil, Xinzo, Carballiño e Bande.
O presidente subliñou que o plan é “un capítulo máis” do traballo anual de conservación dos 1.850 quilómetros da rede provincial e destacou a aposta pola xestión directa dos servizos de mantemento. Avanzou que en 2026 se incrementarán os recursos destinados ás estradas, cun orzamento de 4,5 millóns de euros e unha nova achega na modificación de crédito de abril, o que suporá un investimento total próximo aos 10 millóns. Segundo indicou, este esforzo busca mellorar “a seguridade e a accesibilidade” da veciñanza.
O dispositivo permanecerá activo ata abril de 2026, coincidindo cos meses de maior risco. Menor lembrou que arredor do 40% da rede provincial discorre por zonas a máis de 700 metros de altitude, polo que se prevé unha actuación intensiva nestes tramos. Ademais do persoal asignado, o plan inclúe sete camións quitaneves, un tractor con saleiro e coitela, así como maquinaria de reforzo ocasional —niveladoras, retroescavadoras e camións con muíño e saleiro— que se mobilizará segundo as necesidades.
A Deputación tamén mantén colaboración cos concellos e mancomunidades, proporcionando fundentes e apoio para a aplicación de tratamentos preventivos nas estradas municipais.
Menor agradeceu o traballo do persoal que participa no operativo e incidiu na súa contribución a manter abertas e seguras as vías que vertebran a provincia durante o inverno.