Adxudicadas catro viviendas de promoción pública en réxime de aluguer en Allariz
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entregou esta mañá as chaves de catro vivendas, en réxime de alugueiro, no concello de Allariz.
O delegado territorial explicou que se trata de 4 inmobles emprazados na rúa Irmandade, que forman parte dunha promoción de vivendas, construída pola Xunta. Teñen unha superficie que vai dende os 44,28 metros cadrados ata os 47,65 metros cadrados. A composición das vivendas é de salón comedor cociña, lavadoiro tendal, cuarto de baño e dormitorio, dispoñendo unha delas de dous dormitorios por ser unha vivenda de esquina.
Todas as vivendas contan con armarios de obra e cociña equipada. Xunto coa adxudicación das vivendas, vincúlase unha praza de garaxe e un rocho, situados nos sotos do edificio.
As vivendas foron adxudicadas en réxime de alugamento, polo que os seus inquilinos pagarán unha renda mensual que non excede dos cen euros, en función dos ingresos da persoa adxudicataria.
Manuel Pardo salientou que as persoas beneficiarias xa se poden instalar nas vivendas e resaltou que estas actuacións son unha mostra máis do esforzo do Goberno galego para facilitar o acceso a unha vivenda aos cidadáns.
Unha das condicións que deben cumprir os beneficiarios é estar inscrito no Rexistro único de demandantes de vivenda, un trámite que se pode realizar en calquera momento do ano. De feito, a maiores das vivendas de promoción pública, a Xunta habilita varias medidas e programas de carácter social encamiñadas a atender a demanda de vivenda.