Allariz acolle a presentación dun ambicioso proxecto europeo con base en Ourense sobre innovación no rural

OurenseXa
Socios de once países reúnense na vila alaricana na primeira asemblea de Storcito, unha iniciativa que busca fomentar a innovación en materia de prevención de incendios e sustentabilidade nos sistemas enerxéticos e na mobilidade
presentacion-storcito
19 Nov 2025

Allariz acolle desde este martes e ata o xoves a primeira asemblea xeral presencial do proxecto europeo Storcito, unha ambiciosa iniciativa liderada dende o campus de Ourense da Universidade de Vigo financiada con preto de 4,9 millóns de euros que busca fomentar a innovación multidisciplinar en ámbitos chave das zonas rurais europeas, centrándose na xestión sostible dos recursos e prevención de incendios forestais, a transición a sistemas enerxéticos sostibles e a consecución dunha mobilidade sostible, inclusiva e climaticamente neutra.

Á fronte do proxecto están Fernando Veiga, do grupo Aerolab e profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Maribel Doval, profesora da área de Historia Contemporánea I na Facultade de Educación e Traballo Social; e María Fernández, da área de Sistemas Agroambientais na Facultade de Ciencias. Todos eles forman parte do Campus Auga, a estratexia de especialización do campus ourensán centrada no desenvolvemento sostible vinculado á auga e ao medio rural.

Desde Ourense coordínase toda a iniciativa, ademais de liderarse aspectos clave como o desenvolvemento de ferramentas avanzadas para a prevención de incendios forestais: deseñaranse índices de risco con datos xeoespaciais e sociais, e desenvolverase un sistema de pastoreo intelixente guiado por GPS con gando autóctono para reducir a vexetación inflamable. Tamén se levará a cabo unha análise sociolóxica sobre a percepción social do lume nas zonas rurais e elaborarase material educativo para concienciar sobre a súa prevención, principalmente en Galicia e Grecia.

O consorcio de Storcito está formado por once socios de cinco países europeos (España, Noruega, Alemaña, Grecia e Países Baixos), entre eles universidades como a Ruhr de Bochum, Agrícola de Atenas, Utrecht ou o Instituto de Tecnoloxía de Deggendorf; centros de innovación como Sintef AS e o Inorde; e empresas como Innogando SL (gandaría intelixente) e Nimmo AS (mobilidade sostible), ademais do municipio noruegués de Gjesdal
A xuntanza en Allariz, que ten lugar no Eurostars Vila de Allariz Hotel & Balneario, reúne a unha trintena de persoas procedentes das entidades implicadas

O proxecto, que destaca polo seu marcado carácter multidisciplinar, botou a andar en maio e desenvolverase durante tres anos. Durante o seu desenvolvemento, os investigadores pretenden aplicar tecnoloxías disruptivas adaptadas ao entorno rural: desde sistemas de captura de carbono do aire (CCUS), ata plataformas dixitais de mobilidade baixo demanda adaptadas ao envellecemento e dispersión da poboación rural. Estas solucións probaranse en ecosistemas rurais representativos das catro zonas climáticas de Europa: atlántica, mediterránea, continental e boreal.

Desde a Universidade de Vigo destacan que Storcito responde aos grandes desafíos do medio rural cun enfoque integral que combina tecnoloxía, coñecemento científico e acción social, co obxectivo de empoderar as comunidades rurais e contribuír á neutralidade climática no ano 2050. Ademais de abordar os retos inmediatos, o proxecto aspira a fortalecer a resiliencia a longo prazo destes territorios, que ocupan o 83 % da superficie europea e concentran un terzo da súa poboación.

Storcito fomentará a innovación en áreas clave e grandes retos das zonas rurais europeas, como a xestión sostible dos recursos e a prevención de incendios forestais, a transición cara a sistemas enerxéticos sostibles e o desenvolvemento dunha mobilidade sostible, inclusiva e climaticamente neutra.

A primeira destas tecnoloxías serán os métodos para a prevención de incendios forestais. Nesta liña de traballo, os socios desenvolverán unha ferramenta avanzada para a análise de índices de risco de incendios, baseada en datos xeoespaciais e sociais, con precisión a escala métrica. Tamén se estudará o uso de gando autóctono guiado mediante GPS para o mantemento intelixente da vexetación rural co obxectivo de reducir o risco de incendios. O proxecto incluirá ademais unha análise sociolóxica sobre a percepción do lume nas zonas rurais e a elaboración de materiais didácticos para concienciar sobre a importancia da prevención. Esta parte do proxecto levarase a cabo principalmente en Ourense e Grecia.

A segunda tecnoloxía que se abordará en Storcito será a introdución de sistemas de captura de carbono do aire (CCUS) en áreas rurais, estudando o seu grao de aceptación social e propoñendo solucións dirixidas aos xestores rexionais. Esta liña desenvolverase sobre todo en Alemaña e Países Baixos.

A terceira liña centrarase na adaptación dunha aplicación de mobilidade baixo demanda ás necesidades específicas da sociedade rural —marcada pola dispersión poboacional, o envellecemento, etc.—, co obxectivo de fomentar unha mobilidade sostible, climaticamente neutra e inclusiva. Esta parte do proxecto estará liderada polos socios noruegueses, co apoio do equipo de Ourense.

Desde a iniciativa lembran que as zonas rurais acollen a un terzo da poboación da Unión Europea e ocupan aproximadamente o 83 % do seu territorio, albergando recursos naturais e ecosistemas esenciais. Cunha gran diversidade derivada das súas condicións bioxeográficas e xeopolíticas, estas zonas enfróntanse a desafíos de sustentabilidade complexos que requiren respostas innovadoras e variadas. Neste sentido, subliñan que o empoderamento do medio rural é clave para alcanzar a neutralidade climática en 2050. Por iso, Storcito non só abordará os retos inmediatos do desenvolvemento rural, senón que tamén contribuirá a fortalecer a resiliencia destas comunidades a longo prazo.

⚙ Configurar cookies
0.080913066864014