Allariz encherase de ciclistas o 28 de setembro coa celebración da III BTT

Os clubs Asocial e CC Allariz, en colaboración co Concello, organizan o domingo 28 de setembro a III BTT Allariz, unha cita que volverá a encher a vila de ciclistas nunha marcha non competitiva pensada para desfrutar da bicicleta e da contorna natural.
O percorrido da proba estará adaptado a diferentes niveis. Así haberá unha ruta máis accesible, de 23 quilómetros, e outra máis longa e esixente, de 45 quilómetros, ambas sinalizadas e con puntos de avituallamento.
O prazo para inscribirse xa está aberto, cun máximo de 250 prazas, e as persoas interesadas en participar terán ata o vindeiro 24 de setembro para anotarse. O prezo é de 18 euros e as persoas participantes recibirán unha bolsa de corredor cun agasallo conmemorativo. A saída será ás 9.00 horas dende a Alameda, ao carón do Boi de Pedra, e a meta estará situada no Campo da Vilanova.
O concelleiro de Deportes de Allariz Casrlos Puga subliña que esta cita é “unha oportunidade para fomentar a actividade física e os hábitos de vida saudables, ao tempo que poñemos en valor o noso territorio a través da práctica deportiva”. Engadiu ademais que a BTT “convirte cada ano Allariz nunha festa para os amantes da bicicleta, un día para compartir entre amigos e familias a paixón polas dúas rodas”.