Allariz impulsa un programa de apoio educativo para a infancia e a adolescencia

OurenseXa
O Concello vén de presentar o programa REMEN (Reforzo Educativo para Menores) a través do que busca garantir a igualdade de oportunidades no ámbito escolar
programa-remen-allariz
16 Mar 2026

O Concello de Allariz pon en marcha o programa REMEN (Reforzo Educativo para Menores), unha iniciativa que bota a andar grazas ao cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e que busca garantir a igualdade de oportunidades no ámbito escolar.

O proxecto permitirá ao Concello consolidar un recurso profesional de proximidade en Allariz, así como nas parroquias e aldeas, asegurando que o apoio chegue a todas as familias que o precisen. O obxectivo, explican dende área de Benestar Social de Allariz, é é que ningunha circunstancia económica ou social se converta nunha barreira para o desenvolvemento e o éxito académico da poboación máis nova do municipio, a través dun acompañamento integral.

Á fronte do proxecto está unha educadora social que nestes momentos lidera o traballo de campo e a coordinación cos equipos de orientación dos centros de ensino. Esta fase inicial, explican dende o Goberno municipal, é clave para detectar de xeito individualizado que menores poden aproveitar mellor este recurso público.

Un dos piares do REMEN en Allariz é a súa vocación de servizo próximo. Dada a dispersión xeográfica do municipio, a planificación do programa contempla desprazar as intervencións aos locais sociais das aldeas e parroquias, facilitando así que a distancia non sexa un atranco para participar nas actividades.

"Estamos nesa etapa necesaria de escoitar e coñecer a realidade de cada familia", explican desde o equipo técnico de Benestar. Tras os contactos institucionais, a educadora está a iniciar as entrevistas persoais para crear o vínculo necesario antes de poñer en marcha as dinámicas grupais, os obradoiros de técnicas de estudo e as actividades de habilidades sociais.

REMEN busca tamén aproveitar a rede de recursos xa existentes na vila, polo que prevé a colaboración coas academias locais para aqueles casos que requiran un reforzo máis específico, favorecendo que a mocidade se integre nos espazos comunitarios de Allariz. O proxecto reserva tamén un espazo fundamental para o traballo coas familias, ofrecéndolles ferramentas para que poidan acompañar mellor o proceso de aprendizaxe desde o fogar.

As persoas interesadas poden informarse a través dos centros educativos ou directamente no Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) do Concello, seguindo os criterios de vulnerabilidade establecidos na normativa de inclusión social.

0.12047600746155