Allariz inaugura o Entroido co “colgamento do Meco” na Casa do Concello

OurenseXa
As celebracións na vila alaricana estenderanse ata o 5 de marzo
meco-allariz
20 Feb 2025

O Concello de Allariz inaugurou esta mañá o Entroido de 2025 co tradicional “colgamento do Meco” na Casa do Concello, que dá inicio a unhas celebracións que se estenderán ata o 5 de marzo. Ademais, a partir das 20.30 horas deste xoves terá lugar a Noite de Compadres, con pasarrúas a cargo dos gaiteiros Polo pan baila o can.

O vindeiro xoves 27 de febreiro, será a quenda das Comadres, que percorrerán as rúas de Allariz acompañadas pola charanga Achicoria.

O venres 28 de febreiro, a festa prolongarase ata a madrugada coa Noite de Entroido, onde a Discomóbil Apocalipsis animará a Praza Maior desde as 23.30 ata as 01.30 horas.
O domingo 2 de marzo, celebrarase un pasarrúas coa charanga Alambique, que sairá da Barreira entre as 12.00 e as 14.00 horas.

O luns 3 de marzo, a festa continuará cunha xornada pensada para os máis pequenos, coa Festa Infantil da Discomóbil Apocalipsis na Praza Maior, de 17.30 a 20.00 horas. Pola noite, ás 21.30 horas, a tradicional Cachuchada reunirá á veciñanza na Barreira, organizada pola Asociación Cultural Xan de Arzúa. Para pechar a xornada, a charanga Los Fugitivos será a encargada de poñer a nota musical desde as 23.00 ata as 01.30 horas na Barreira.

O martes 4 de marzo será o día do Baile de Entroido e Concurso de Comparsas, que terá lugar na Barreira de 18.00 a 20.30 horas coa animación de Space Discomóbil.

Finalmente, o mércores 5 de marzo, ás 20.00 horas, comezará a despedida co Pranto de Entroido, no que participarán Silvardeiras Teatro, Cantos de Taberna Xolda e Universidade Laboral. O acto dará comezo na Praza Maior e rematará no Campo dos Brancos, onde se realizará a tradicional Queima do Meco.

0.17743802070618