O Concello de Allariz pon en marcha a primeira edición do Concurso de Escaparates de Nadal, unha iniciativa destinada a fomentar a participación e recoñecer o talento do comercio local durante a tempada de Nadal.
O certame, chamado “Allariz, Escaparate do Nadal”, busca complementar a decoración municipal de Nadal e motivar aos establecementos do municipio a participar activamente na creación do ambiente festivo. O Concello destaca que moitos comercios xa decoran os seus escaparates de forma destacada nestas datas, polo que esta iniciativa pretende valorar ese esforzo e estimular a creatividade.
Poderán participar todos os comercios, hostalaría e negocios con escaparate situados en Allariz. A inscrición é gratuíta e debe facerse antes do 4 de decembro de 2025 enviando un correo a comercio@allariz.gal. Os escaparates deberán estar decorados e iluminados desde o 5 de decembro ata o 6 de xaneiro.
O xurado, formado por representantes municipais e expertos en cultura, deseño e comercio, valorará aspectos como a creatividade, orixinalidade, uso de materiais sostibles, harmonía, espírito de Nadal e capacidade de atraer público. Entregarase un premio único e poderán concederse mencións especiais. O fallo comunicarase a través da web e redes sociais do Concello, ademais de contactar directamente cos participantes.
A iniciativa complétase co sorteo “Peto dos Desexos”, que repartirá 1.000 euros en premios entre quen realicen compras durante a campaña de Nadal, fomentando o consumo local e apoiando ao comercio de proximidade.
