Allariz pon en marcha unha nova ordenanza de recollida do lixo
O Concello de Allariz aprobou en pleno o pasado 30 de outubro a nova ordenanza que regula as taxas de recollida de lixo. Esta normativa introduce importantes novidades que buscan adaptarse ás necesidades das vivendas e das actividades económicas, así como dar cumprimento á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
Dende o Concello explican que a medida responde ao significativo incremento dos custos impostos por SOGAMA, que durante o 2024 pasou de cobrar 56,01 euros por tonelada en 2023 a 66,01 01 euros por tonelada no primeiro semestre de 2024 e 88 01 euros por tonelada no segundo semestre de 2024, o que representa un impacto estimado de 50.000 euros adicionais no orzamento municipal para a xestión de residuos. Para o 2025, SOGAMA anunciou unha nova subida, situando o custo por tonelada en 108 01 euros por tonelada. Uns incrementos que, aseguran, fan necesario un axuste nas taxas para garantir a sostibilidade do servizo.
Como parte das medidas incluídas na nova ordenanza, o Concello ofrece unha redución do 15% na taxa para aquelas persoas ou establecementos que realicen unha recollida selectiva adecuada da fracción orgánica ou opten por facer compostaxe tanto comunitario como individual, fomentando así prácticas sostibles.
As tarifas, que entrarán en vigor en 2025, están deseñadas tanto para vivendas como para actividades económicas e buscan adaptarse á frecuencia de recollida e ás características de cada tipo de usuario.
No caso das vivendas, as tarifas varían segundo a frecuencia de recollida. Para as vivendas urbanas que contan cun servizo tres ou máis días á semana, a cota estándar será de 88 euros, mentres que a reducida fixarase en 74,80 euros. Pola súa parte, as vivendas con recollida dun ou dous días á semana terán unha tarifa estándar de 70 euros e unha reducida de 59,50 euros.
Para as actividades económicas, as taxas axústanse á tipoloxía do negocio, á súa superficie e á frecuencia de recollida. Os establecementos de alimentación, como panadarías e supermercados, pagarán cotas que oscilan entre 150 e 1900 euros, dependendo do seu tamaño. No caso dos aloxamentos, como hoteis, hostais ou campings, as tarifas estarán entre 190 e 1150 euros. Os restaurantes e bares con cociña deberán aboar entre 360 e 1120 euros, mentres que os bares sen cociña, cafetarías e pubs pagarán entre 180 e 940 euros. Por último, oficinas e servizos profesionais terán cotas que van de 95 a 540 euros. En todos os casos, o importe aumenta en función da superficie do establecemento.
Para acceder a esta bonificación, será necesario presentar unha solicitude antes do 1 de febreiro de 2025. Entre a documentación requirida inclúese o NIF da persoa ou establecemento solicitante, unha declaración responsable que comprometa ao cumprimento da recollida selectiva (modelo dispoñible no Concello e na súa sede electrónica) e, de ser necesario, unha autorización para a representación. As solicitudes poderán realizarse de maneira presencial nas dependencias municipais da Praza Maior 1 ou a través da sede electrónica na páxina web allariz.gal.
Con estas medidas, o Concello de Allariz busca equilibrar a sustentabilidade ambiental coas necesidades dos usuarios, reforzando o seu compromiso cun sistema de xestión de residuos máis eficiente e responsable.
O concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, subliña que “con esta nova ordenanza buscamos avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos en Allariz, promovendo a implicación de toda a veciñanza e das actividades económicas na reciclaxe e na redución de residuos”. Ademais, asegura que “o Concello cumpre coa Lei 7/2022, fomentando unha economía circular que protexa o medio ambiente e mellore a calidade de vida de toda a cidadanía. Non obstante, os incrementos de custo impostos por SOGAMA e a Xunta de Galicia representan un gran desafío para o equilibrio económico do servizo, e precisamos o apoio de todas e todos para manter un servizo de calidade e minorar as toneladas de residuos sin separar que van a SOGAMA a incineración ou enterramento”.