Allariz quenta motores para a XIII edición das Xornadas de Carne de Boi

OurenseXa
Na edición deste ano, que arranca o 27 de setembro, participarán 23 establecementos locais
Presentación da XIII edición das Xornadas de Carne de Boi de Allariz
Presentación da XIII edición das Xornadas de Carne de Boi de Allariz
24 sep 2024

Allariz acollerá do 27 de setembro ao 13 de outubro unha nova edición das Xornadas de Carne de Boi que este ano cumpren a súa doceava edición, na que participarán 23 establecementos locais.

Na mañá de hoxe representantes do sector hostaleiro participante, así como a empresa local que comercializa este produto, estiveron acompañados pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid e a concelleira de Promoción Económica María López, presentando a oferta culinaria que haberá nos locais durante esta nova edición de 2024.

A hostalería alaricana ofertará tapas e menús cuxo ingrediente principal é a exquisita carne de boi. Pinchos elaborados de diferentes e saborosos estilos, menús e pratos para todos os petos será o que as persoas se atopen nas XIII Xornadas de Carne de Boi Concello de Allariz nos 23 establecementos que participan este ano.

Este ano, serán 19 tapas as que participarán no concurso e competirán por ser a elixida, por votación popular entre os comensais, como a 'Mellor Tapa'. "Atoparemos tanto tapas xa tan tradicionais como os callos de Boi ou albóndegas, como tapas novas que a ben seguro farán as delicias das persoas que se acheguen durante estas dúas semanas que ten de duración o evento", explican desde aorganización. O prezo da tapa será de 3 euros e na modalidade de menús haberá para todos os petos.

De novo, 'Papando no Boi', o premio local para premiar a gran participación e fidelidade de todas as veciñas e veciños que ano tras ano participan nestas xornadas, volta por terceira edición e será a recompensa que recibirá a primeira persoa, con tarxeta cidadá, que consuma as 19 tapas que participan no concurso de 2024, cun premio directo de 100 euros para gastar no comercio local.

Ademais haberá sorteo de vales con premios por consumir as tapas que realizarase o sábado 19 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 11:00 horas, no que se darán a coñecer os gañadores ou gañadoras dos premios así como a tapa máis votada nesta edición.

Aproveitando as Xornadas e as sinerxías que xorden no Mercado da Reserva, o sábado 28 de setembro e o 5 e 12 de outubro haberá degustación neste espazo de tapas elaboradas con carne de boi. As actividades do mercado serán de 12:30 horas a 13.30 horas.

Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz fixo fincapé na importancia que ten o proxecto de Carne de Boi para o Concello de Allariz para a economía local, así como o aproveitamento dos recursos que temos no noso territorio, e como eses recursos axuda a dinamización e a crear sinerxías. As Xornadas de Carne de Boi son un gran aliciente para a poboación local, explica, xa que dinamizan durante dezasete días o comercio e a hostalería. S

Pola súa banda, María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, destaca que a veciñanza alaricana é unha gran embaixadora da Carne de Boi e anima a toda a veciñanza a participar como o teñen feito en edicións pasadas. Así mesmo agradeceu a colaboración do local Marmurio do Río, un establecemento rexentado por Luis Moreno e que prestouse para a elaboración dunha tapa para a imaxe destas xornadas, aínda que o seu establecemento non participa dentro das mesmas.

0.18708801269531