Allariz remata os traballos na senda peonil entre a depuradora e O Seixo
O Concello de Allariz concluíu os traballos de mellora e pavimentación da senda peonil que conecta a estación depuradora de augas residuais (EDAR) coa zona do Seixo, coa colocación de varios bancos e papeleiras.
A actuación consistiu na aplicación de sabrego compactado, un material natural e sostible que garante un pavimento firme e duradeiro, respectuoso coa contorna natural e esteticamente integrado na paisaxe. Esta senda, moi utilizada tanto por residentes como por visitantes, forma parte dos roteiros peonís que promoven a mobilidade sostible e o gozar da contorna natural de Allariz xa que une o núcleo urbano coa cidade deportiva do Seixo e a zona do cámping.
A intervención responde o compromiso do Concello de manter e mellorar as infraestruturas locais con solucións respectuosas co medio ambiente. Con esta mellora, facilítase un tránsito máis cómodo e seguro para os peóns , especialmente en condicións climáticas adversas. Ademais, o uso de sábrego compactado mantén a estética rústica e natural do carreiro, en liña coa identidade paisaxística da zona. Completouse a actuación coa colocación de varios bancos e papeleiras.
Desde o Concello destacan que esta obra supuxo un investimento de 30.000 euros e contou coa cofinacación de Deputación Provincia, e pretende reforzar a calidade de vida dos alaricanos e a súa mobilidade.