Allariz renova a web municipal para reforzar a súa estratexia dixital

O Concello de Allariz presentou a renovación completa da súa páxina web institucional, allariz.gal, unha ferramenta coa que o goberno local pretende mellorar a relación da cidadanía coa administración e reforzar a presenza do municipio en Internet como destino turístico.
A presentación contou coa participación da alcaldesa, Cristina Cid, da concelleira de Promoción Económica, María López, e de Pablo Sanmartín, responsable da empresa Dixital Gou, encargada do desenvolvemento do proxecto.
A nova plataforma foi financiada con fondos Next Generation da Unión Europea a través do Plan de Sostibilidade Turística e forma parte da estratexia dixital impulsada polo Concello. O obxectivo é contar cun portal máis funcional e adaptado ás necesidades actuais, tanto para a veciñanza como para as persoas que buscan información sobre o municipio.
Un dos aspectos centrais da renovación é a mellora da sección dedicada ao turismo. O espazo foi redeseñado incorporando estratexias de posicionamento en buscadores para aumentar a visibilidade do patrimonio, da natureza e da oferta cultural de Allariz na rede. Ademais, a web incorpora un buscador intelixente pensado para facilitar a localización de recursos turísticos e información relevante de forma rápida e intuitiva.
O novo portal tamén está adaptado ao uso desde dispositivos móbiles. Segundo explicou Pablo Sanmartín, trátase dunha web 100 % “responsive”, é dicir, preparada para adaptarse automaticamente á pantalla de móbiles e tabletas, o que permite unha navegación máis cómoda e segura.
Outro dos puntos destacados do proxecto é o reforzo da accesibilidade. A páxina integra ferramentas que permiten personalizar a experiencia de navegación, como a ampliación do tamaño do texto, a modificación dos contrastes de cor ou o resaltado de ligazóns, co obxectivo de facilitar o acceso á información a todas as persoas.
Desde o Concello destacan que a renovación da web supón máis que un cambio estético, xa que pretende ofrecer unha administración máis próxima, accesible e adaptada ás necesidades actuais. A actuación enmárcase no PSTD Allariz Destino Sostible, financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.