Allariz suma unha nova zona de compostaxe comunitaria na zona do camping

OurenseXa
En total, con esta incorporación o Concello suma 24 puntos de compostaxe veciñais repartidos polo municipio
illa-compostaxe-camping-allariz
15 Jan 2026

O Concello de Allariz avanza cara a unha xestión máis responsable e sostible dos residuos coa posta en marcha dunha nova zona de compostaxe comunitaria na zona do camping. Con esta iniciativa, xa son 24 os puntos de compostaxe veciñais repartidos polo municipio, o que permite tratar os residuos orgánicos máis preto da cidadanía e mellorar a cobertura do servizo.

Durante o pasado 2025, tamén se reforzou a compostaxe doméstica coa entrega de 100 novos composteiros a particulares, unha medida que fomenta a separación na orixe e a implicación directa dos veciños na reducción de residuos.

Ademais, Allariz conta cun Punto Limpo fixo e outro móbil, que visita periodicamente as diferentes localidades, facilitando que os veciños poidan desfacerse adecuadamente dos residuos especiais, voluminosos ou reutilizables. Isto axuda a promover a economía circular e a diminuír a cantidade de lixo que remata en vertedoiros.

Grazas a estas políticas, explican desde o Concello, o municipio presenta datos positivos e en constante mellora en reciclaxe e compostaxe, froito dun modelo baseado na proximidade do servizo, na educación ambiental e na colaboración cidadá. Allariz converteuse así nun referente autonómico, pioneiro en Galicia na implantación de sistemas avanzados de xestión de residuos.

0.1234450340271