Amoeiro entregou os premios do I Concurso Fotográfico de Nadal

O Concello de Amoeiro vén de entregar os premios do Concurso Fotográfico de Nadal, que se celebrou por primeira vez este ano, cun gran éxito de participación.
O primeiro premio foi para Tania María Pérez, que gozará dunha estancia dunha noite para dúas persoas no Pazo de San Damián. Pola súa banda, os autores da segunda mellor imaxe foron José Alberto Nóvoa e Marta Fernández, premiados cun lote de viño da adega “Terras Mancas”, mentres que o terceiro posto foi para Julia Fernández, que recibiu un lote de mel de “A Melería de Trasalba”.
O Concello de Amoeiro destaca a importancia desta iniciativa para “dar a coñecer os recunchos máis especiais do noso concello durante as festas do Nadal a través da mirada da veciñanza”, e agradece a participación dos veciños e patrocinadores, Pazo de San Damián, Adega Terras Mancas e A Melería de Trasalba, por facer posible o concurso.