Amoeiro finaliza os traballos de acondicionamento exterior da antiga escola de Fontefría

O Concello de Amoeiro completou os traballos de mellora no exterior da antiga escola de Fontefría, unha actuación que tivo un orzamento total de 25.935 euros, cofinanciada pola Xunta de Galicia (40%) e polo propio Concello (60%).
As obras responden a unha demanda veciñal para recuperar este edificio, que presentaba importantes deficiencias estruturais e de conservación que dificultaban a realización de actividades sociais e comunitarias.
Antes da intervención, o inmoble mostraba un notable deterioro nas fachadas, con humidades, fungos e desconchados, ademais dunha cuberta en mal estado que provocaba filtracións de auga no interior. Tamén se atopaban deterioradas as escaleiras exteriores e a baranda de acceso, o que comprometía a seguridade dos usuarios.
Os traballos realizados incluíron a reparación integral da escaleira exterior, revestida con pedra granítica, e a instalación dunha nova baranda de fundición, adaptada á normativa de seguridade. Así mesmo, procedeuse ao enfoscado e repintado dos paramentos e á renovación completa da cuberta, incorporando tellas novas, illamento térmico e canalóns para a correcta evacuación da auga.
Tamén se substituíron os vertaugas de dez ventás por pezas de pedra granítica e reparouse a cheminea para evitar filtracións.