Aníbal Pereira sustituirá a Armando Ojea como tenente de alcalde do Concello de Ourense
Aníbal Pereira é o novo primeiro tenente de alcalde do Concello de Ourense, en substitución de Armando Ojea, quen proximamente se incorporará ao Parlamento de Galicia. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome asinou esta mañá o decreto no que acorda que o concelleiro de Deportes sexa desde hoxe o primeiro tenente de alcalde. O segundo será José Ignacio González Pérez, a terceira, Ana Fernández Nieto, e o cuarto, Antonio Fernández Martín.
Tamén esta mañá, a Xunta de Goberno Local aprobou o nomeamento dos concelleiros que substituirán a Armando Ojea como representantes do Concello de Ourense en diferentes entidades. Así, José Ignacio González Pérez representará o Concello no comité executivo de Expourense e Antonio Fernández e Aníbal Pereira no seu padroado.
Aníbal Pereira representará tamén o Concello na UNED, no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no Parque Tecnolóxico de Galicia e na Fundación Otero Pedrayo, e José Ignacio González farao na Fundación Blanco Amor, na Fundación Vicente Risco, e no Consello Territorial da Propiedade Inmobiliaria.