Antonio Yáñez Casal, ganador do XX Premio Pura e Dora Vázquez de Narración

OurenseXa
O escritor ferrolán, baixo o pseudónimo Maceteum, repite como gañador deste certame coa súa obra 'Azul cobalto'
Xurado dos premios Pura e Dora Vázquez
12 sep 2024

Antonio Yáñez Casal, baixo o pseudónimo Maceteum, é o gañador do XX Premio Pura e Dora Vázquez de Narración coa obra 'Azul cobalto'. Yáñez Casal xa gañara este certame a súa XIV edición, no ano 2016, coa obra 'Do meu nome e outras traballadas'. O Premio Pura e Dora Vázquez de literatura está dotado con 3.000 euros para cada modalidade (narración e ilustración), recuperándose así o importe inicial deste certame.

O xurado destaca de Azul cobalto que vai dirixida a un público xuvenil, “sendo unha obra moi orixinal cunha temática rompedora. Que é doada de ler e engancha moito. Ten unha linguaxe e un estilo moi coidados. Destaca valores como o traballo en equipo e a perseveranza. Enxalza o poder dos soños como memoria e destaca a importancia da lectura para poder entender as cousas”.

O xurado, que sinala a calidade de todas as obras presentadas, estivo composto por un representante de cada un dos grupos políticos da Deputación de Ourense: David Canda Castro representando ao grupo PP; David Manuel Alvarado Roales representando ao grupo PSOE; Xosé Antón Dorrío Vázquez representando ao grupo DO, e Isabel Mociño González representando ao grupo BNG, actuando como presidente César Fernández Gil, deputado de Cultura da Deputación provincial e como secretaria Ana M.ª Malingre Rodríguez, xefa de sección de Arquivo e Publicacións da Deputación de Ourense.

Actívase agora o Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, ao que poderán presentarse ilustradores de calquera nacionalidade que presenten traballos orixinais para acompañar o texto premiado na modalidade de narración deste «XX Premio Pura e Dora Vázquez». O texto gañador pode solicitarse en publicacións@depourense.es. As bases do concurso poden consultarse no BOP N.º 118, do mércores 19 de xuño de 2024 (Páx. 6).

Traxectoria literaria do gañador

Antonio Yáñez Casal naceu en Ferrol en 1959. Ten publicadas as seguintes obras: Don Cosme e o telegrama amarelo (Casals, 2004), finalista do Premio Raíña Lupa 2000; Crisóstomo o alifáfaro (Galaxia, 2006), finalista do Premio Raíña Lupa 2004; Natasha e Dimitri (Xerais, 2006), finalista do Premio Merlín 2005; Lóbez (Baía edicións, 2006), Premio Meiga Moira 2006; Viaxe a Libunca (Galaxia, 2007), Premio Raíña Lupa 2006; Octavius Augustus (Difusora de letras, artes e ideas, 2009), Premio Abrente 2007; Xoa (Xerais, 2010), finalista do Premio Merlín 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento, 2ª categoría, 2012; Vento Galerno (Xerais, 2012), finalista do Premio Fundación Caixa Galicia 2011; A complicada vida de Bieito Viqueira (Tambre, 2012); O detective de Nullarbor (XermeSM, 2015), Premio O Barco de Vapor 2013; Do meu nome e outras trapalladas (Deputación de Ourense, 2017), Premio Pura e Dora Vázquez de Narración 2016; Icía e o diplodoco caguiñas (Tambre, 2018).

0.19677901268005