Aprobada a nova ordenanza da taxa de recollida de lixo en Barbadás

OurenseXa
Vincula o axuste, imposto pola UE e pola suba do canon de Sogama, ao consumo de auga para incentivar desde xaneiro un uso máis responsable da mesma
Pleno Ordinario do Concello de Barbadás, setembro de 2024
Pleno do Concello de Barbadás
26 Dec 2024

Barbadás aprobou hoxe en pleno de forma definitiva e por maioría absoluta (cos votos a favor de PSdeG-PSOE, DO e Partido Galego; a ausencia do BNG e o voto en contra do PP) a nova ordenanza que actualiza a taxa de recollida de lixo. Ao igual que o resto de concellos do país, o de Barbadás da así cumprimento a unha directiva europea que establece a obrigatoriedade do equilibro nos servicios que presta a entidade local, tal e como explicou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, que tamén puxo en valor a criterio co que se aplica e que tamén é normativa na Unión Europea: o que contamina, paga.

Esta decisión, que están adoptando todos os concellos de Galicia polos mesmos motivos, ten porén en Barbadás unha singularidade na forma de aplicación, máis xusta social e medioambientalmente. En lugar dunha suba lineal, que afectaría por igual a todas as familias á marxe da súa capacidade económica, a súa capacidade de xerar residuos e mesmo as súas prácticas medioambientais, optaron por unha fórmula que busca todo o contrario: que quen máis contamine, pague máis, e viceversa.

Para elo, vincula o axuste da taxa de lixo ao consumo de auga. A maior consumo de auga, máis taxa de lixo, especialmente a partir dos consumos considerados excesivos. Pola contra, as familias cun consumo responsable e razoable de auga, poderán rebaixar ata un 35% a taxa anual do lixo con relación ao que lle correspondería pagar no caso da que a suba fose lineal, como están aprobando a inmensa maioría de concellos de Ourense e Galicia.

Así, na práctica, o 50% das familias de Barbadás pagarán de media pola nova taxa entre un 20 e un 35% menos que coa suba lineal, mentres que o 70% pagarán entre un 10 e un 35% menos, tanto no ámbito rural como no urbano.

A medida está deseñada como unha alternativa equitativa e socialmente xusta en resposta á suba do canon de Sogama e á normativa europea, trasposta en España, que esixe aos concellos repercutir o custo real da recollida de residuos á cidadanía.

A nova ordenanza, aprobada co informe favorable da intervención municipal, entrará en vigor, unha vez aprobada hoxe, a partires do 1 de xaneiro de 2025. A intervención municipal, a través dun novo informe, tamén deu pe ao rexeitamento das alegacións presentadas hoxe polo PP.

Barbadás opta por esta ordenanza por evitar unha suba lineal que gravaría por igual a todos os veciños, sen ter en conta o seu nivel de consumo de auga ou a xeración de residuos. Este modelo, xa aplicado nos concellos da área metropolitana de Valencia, pero tamén en cidades como Barcelona ou Zaragoza, recompensará a aqueles cidadáns que adopten prácticas medioambientais responsables, incentivando en paralelo un consumo de auga razoable e sostible, a menor xeración de residuos e boas prácticas medioambientais.

Unha medida adaptada ás necesidades e realidades de Barbadás

A diferenza doutros concellos de Ourense e Galicia que aplican subas lineais na taxa do lixo, Barbadás aposta por un sistema flexible e adaptado a cada fogar. Para o 65% da poboación do rural e o 72% de A Valenzá, esta medida implicará unha redución de ata un 35% en comparación cunha subida lineal, mentres que os grandes consumidores pagarán máis que no sistema lineal. Esta iniciativa enmárcase no compromiso do municipio coa sustentabilidade e a xustiza social, buscando tamén incentivar unha menor xeración de residuos.

Outras dúas novidades que aporta a nova ordenanza, son que as 300 vivendas que non teñen traída de auga e polo tanto non pagan taxa de lixo (os dous recibos ían e seguirán indo xuntos), pasarán a pagar unha cota fixa (50 euros nas zonas urbanas e 30 no rural). Asemade, tamén se regulariza a situación das comunidades de propietarios, que ata o de agora pagaban por bloque en lugar de polo número de vivendas.

0.16427898406982