Aprobada unha ordenanza reguladora de transparencia e acceso á información pública no Concello de Ourense
“A transparencia debería ser un dos valores transversais dunha administración pública, como piar fundamental que asegura que non se produza ningunha actividade relacionada coa corrupción”, indicou a edil do PSdeG no Concello de Ourense María Fernández na súa exposición da moción que presentou o grupo municipal durante o pleno ordinario de xullo.
As e os socialistas conseguiron o respaldo de todos os grupos da oposición para aprobar unha iniciativa que insta ao goberno local a que manteña a información actualizada e a que implemente as canles de participación da cidadanía nas políticas públicas. Tanto o PP como o BNG votaron a favor dun texto que reclama ao executivo de Jácome o cumprimento das súas obrigas legais de subministro de información ao Ministerio de Facenda e ao Tribunal de Contas de Galicia, nos prazos estipulados.
Neste senso, a socialista recriminou ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e ao seu equipo que actualmente “o Concello de Ourense non soamente non conta con publicacións actualizadas no apartado de transparencia, senón que incumpre sistematicamente o subministro de información obrigatoria ás administracións competentes”. E lembrou que a esta situación se engade o bloqueo ao traballo dos membros da corporación que ven diariamente lesionados o seus dereitos como edís. “As políticas de transparencia non se cumpren nas Xuntas de Area nin na web do Concello nin se está a facilitar a información aos membros da corporación, polo menos non aos do meu grupo político.” engadíu a concelleira.