Aprobado o borrador da nova ordenanza de tarifas do servizo de recollida de residuos do Concello de Ourense

O Concello de Ourense aprobou nunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local o proxecto dunha nova ordenanza que regula as tarifas do servizo de recollida e xestión de residuos. Con esta medida, o consistorio busca adaptarse á Lei 7/2022 de residuos e chans contaminados para unha economía circular, que obriga a que o servizo sexa economicamente sostible e que as tarifas cubran o seu custo real.
Ata agora, as tarifas en Ourense mantivéronse sen cambios desde 2013 e non chegaban a cubrir os gastos do servizo, cuxo custo total ascende a 11,9 millóns de euros, fronte aos 8,9 millóns que se recadan actualmente.
Segundo o Concello, as novas tarifas reflicten o custo real do servizo, cun incremento “máis significativo en termos relativos que en termos absolutos”. Desde o goberno local destacan que se trata dun axuste “necesario por lei”. No caso das vivendas, o aumento será de 4,61 euros ao mes nas zonas con recollida diaria e de 2,10 euros nas que o servizo non é diario. Deste xeito, a tarifa anual situarase en 181,02 euros e 82,50 euros, respectivamente.
A ordenanza tamén regula as taxas aplicables a diferentes usos comerciais e industriais, con contías específicas para sectores como o ocio, a hostalería, a educación ou a sanidade. Ademais, incorpora sistemas de pago por xeración, de maneira que o incremento será proporcionalmente maior nos grandes produtores de residuos e menor naqueles con produción reducida.
O proxecto inclúe varias bonificacións, como a destinada ás vivendas en risco de exclusión social, que contarán cunha redución do 100% da tarifa. Tamén se contempla unha bonificación do 50% para os usuarios que participen en programas de compostaxe doméstica ou comunitaria ou en iniciativas de separación de materia orgánica promovidas polo Concello ou por outras entidades públicas.
Ademais, os usuarios domésticos que durante o ano anterior realicen polo menos seis entregas de residuos voluminososno punto limpo fixo, cun peso total mínimo de 25 quilos, poderán beneficiarse dunha redución do 10% na tarifa anual.
O borrador da ordenanza será remitido agora aos grupos políticos municipais, que disporán de 10 días hábiles para presentar emendas. No caso de facelo, estas debatéranse nunha comisión plenaria, antes de someter o texto ao pleno municipal para a súa aprobación inicial e posterior exposición pública durante 30 días antes da súa aprobación definitiva.