Aprobado o proxecto de trazado da nova senda en Reza

OurenseXa
O DOG ven de publicar a aprobación do proxecto de trazado da nova senda da estrada OU-402 en Reza, cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros
senda_reza
Proxecto de trazado da nova senda da OU-402 en Reza
19 Mar 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a aprobación do proxecto de trazado reformulado da nova senda na estrada OU-402 en Reza, no concello de Ourense, que suporá un investimento de máis de 1,6 millóns de euros.

O DOG publica o acordo do Consello da Xunta polo que se aprobaron o trámite de información pública e o proxecto definitivo de trazado para este itinerario.

O obxectivo é habilitar unha senda peonil continua de case 2,7 km pola marxe dereita desta vía autonómica.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realizará a convocatoria dos actos expropiatorios no segundo trimestre do ano, co fin de licitar as obras no segundo semestre. A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.

A aprobación definitiva deste proxecto inclúe a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta intervención. Do total de 37 predios necesarios para executar as obras, 6 son de titularidade pública e 16 parcelas estarán afectadas por ocupación temporal.

Habilitarase un itinerario entre os puntos quilométricos 1+060 e 3+290, que permita conectar os treitos illados de beirarrúas existentes e as edificacións dispersas, para que os veciños poidan realizar os desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro.

A senda estenderase desde a intersección coa rúa Portalón ata o aparcadoiro situado no quilómetro 3+290 da estrada. Pola marxe esquerda realizaranse, ademais, pequenas actuacións puntuais relacionadas coa nova posición dos pasos de peóns ou das paradas de autobús acordadas.

O itinerario peonil defínese adaptándose ao trazado da estrada, tanto en planta como no alzado, mantendo unha beiravía de 0,50 metros. Executarase en formigón desactivado e con bordo elevado sobre a vía.

Atendendo ás consideracións dos veciños e para minimizar afeccións aos peches, a senda oscilará entre os 1,8 e os 3 metros de ancho, en función das edificacións lindeiras. Tamén nun pequeno treito (entre o punto quilométrico 2+050 e o 2+200) modificarase lixeiramente o trazado da estrada, movendo 1 metro o eixe para evitar afectar aos peches.

A actuación farase de xeito coordinado coa dotación de bandas de aparcadoiro en liña na marxe dereita que eviten que os vehículos paren invadindo o recorrido peonil.

Respondendo tamén ás demandas veciñais, reubicaranse varias paradas de autobús tamén na marxe contraria á senda, para que a subida e a baixada de viaxeiros se faga sen interrupcións. Ademais, disporanse 6 novas marquesiñas.

Tras a análise das achegas recibidas no proceso de información pública, reducirase a afección a varias fincas mediante a substitución dun terraplén por un muro  entre os puntos quilométricos 1+075 e 1+150, e axustarase o ancho da senda entre os quilómetros 1+380 e 1+445.

0.37366104125977