Aproximadamente 7.000 inmobles da provincia de Ourense están construídos en zona inundable

OurenseXa
Ante esta situación, os socialistas urxen á Deputación de Ourense que active o Plan EmergOU fronte ao risco de inundacións
rio-miño-ourense
Río Miño, Ourense
24 Nov 2024

Desde Xinzo de Limia, un dos concellos ourensáns con maior risco de inundación da provincia, o Grupo Socialista presenta unha iniciativa que esixe da Deputación de Ourense a activación “efectiva e inmediata” do Plan EmergOU. Este Plan, que foi aprobado en xaneiro de 2023 pola xunta de goberno da corporación provincial, pretendía “dar resposta ás necesidades dos concellos afectados por riadas, inundacións e desprendementos causados polas chuvias”.

O EmergOU aspiraba a canalizar a resposta da administración provincial a situacións de emerxencia e catástrofe a través da mobilización de maquinaria e persoal, equipos técnicos e xurídicos, e mesmo cun plan de infraestruturas e medidas técnicas, e a conformación dun fondo financeiro para sufragar danos. “O Plan quedou en mera propaganda e, case dous anos despois, a prevención segue a ser unha urxencia na provincia”, di a deputada socialista na Deputación, Elvira Lama.

Hai sistemas de aviso meteorolóxico rigorosos, cartografías dixitais, técnicos e profesionais de protección civil, normativas para a previsión e protección no eido hidráulico; leis e plans territoriais que proscriben construír en zonas de risco, múltiples vías de comunicación oficiais que ofrecen mensaxes veraces, e corpos e forzas de seguridade que actúan con rapidez ante catástrofes.

“Con tantas ferramentas ao dispor, a Deputación debe velar polo acaído funcionamento dos mecanismos de información e prevención para evitar males maiores”, sostén a deputada socialista por Xinzo de Limia, un dos concellos con maior risco de inundación da provincia. Segundo esta, “temos moi presente o drama que se está a vivir en certos territorios do Estado e, ben que o risco en Ourense non é tan elevado, non podemos pasar por alto eventuais continxencias que, como as inundacións, poderían sobrevir por mor do cambio climático”.

Concellos ourensáns baixo ameaza de inundación

Malia a súa obrigatoriedade en concellos con risco medio de inundacións, tan só A Rúa, Monterrei e Ribadavia contan cun plan de actuación a tal efecto. “Os nosos concellos teñen que contar con medidas acaídas para preservar a poboación e os bens materiais de eventuais asolagamentos e avenidas de auga”, defende Lama.

“É por iso que a nosa iniciativa tamén contempla que a Deputación se implique activamente e colabore cos concellos ourensáns que aínda no dispoñan dun plan de actuación contra inundacións para a urxente elaboración e aprobación do devandito documento”, engade a deputada socialista.

Actualmente, na provincia de Ourense uns 7.000 inmobles están construídos en zona inundable, segundo datos do Catastro e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Verín é o concello con máis vivendas en zona inundable (2.691), seguido por Xinzo de Limia (1.330) e O Barco de Valdeorras (1.106). Ata 13 municipios ourensáns revisten perigo “medio-baixo” de inundacións, sumando aos mencionados A Rúa, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Leiro, Monterrei, Ribadavia, e Vilamartín de Valdeorras.

A comezos do 2023 e tras unhas fortes chuvias, a provincia de Ourense sufriu o desbordamento dos fluxos fluviais e avenidas de auga que orixinaron corrementos de terra, grandes covos, desmantelamento zonas de recreo e cuantiosos prexuízos. Entre outros, víronse afectados concellos coma A Arnoia, A Peroxa, Allariz, Amoeiro, Baños de Molgas, Celanova, Cartelle, O Carballiño, Ourense, Ribadavia e Vilar de Barrio.

0.1705470085144