Arranca na provincia de Ourense o ‘Outono Gastronómico no Turismo Rural‘

OurenseXa
Nesta 18ª edición, son 15 os establecementos da provincia de Ourense que participan nesta iniciativa
5CF8308D-BFD6-4F5C-8635-5F04D11D8491
Presentación da campaña ‘Outono gastronómico’
2 Out 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do xefe de área de Turismo, Cecilio Santalices, presentou esta mañá na Rectoral de Ansemil, en Celanova, a nova campaña Outono Gastronómico no Turismo Rural co obxectivo de promover a nosa singular gastronomía en combinación coas agradables estadías nas casas de turismo rural da nosa comunidade con modalidades e prezos moi atractivos.

O delegado territorial explicou que nesta 18ª edición, son 15 os establecementos da provincia de Ourense que participan nesta iniciativa consolidada dende o 13 de setembro ata o 15 de decembro co gallo, segundo Manuel Pardo, “de dinamizar o turismo no eido rural e favorecer a desestacionalizaciónneste período e impulsar o sector do turismo rural que, ata xullo, se aloxaron máis de 100.000 persoas en Galicia, o que supón un incremento dun 3% con respecto ao ano pasado.

Manuel Pardo sinalou que a oferta do Outono Gastronómico“convértese nunha excelente oportunidade para atraer turistas de fóra, pero tamén para que os propios galegos poidan descubrir e gozar da paisaxe, da gastronomía e da calidade dos establecementos rurais de comarcas que aínda non coñezan”. Así, lembrou as máis de 92.000 persoas que participaron ao longo das edicións anteriores e que xeraron no sector turístico rural máis de 6 millóns de euros coas súas estadías nos establecementos de turismo rural adheridos ao programa en toda Galicia.

Calidade dos produtos e variedade das propostas

O delegado territorial destacou que os establecementos participantes ofrecen dous menús coidados e baseados na calidade dos produtos galegos, deseñados especificamente para o Outono Gastronómico. Aquí teñen cabida tanto a cociña tradicional como a nova cociña con denominación de orixe galega; ámbalas dúas comprometidas coa redución da pegada de carbono, artesanais e de temporada.

Neste sentido, salientou ademais a variedade de propostas que poden elixir as persoas que queiran gozar desta experiencia desde o menú  Outono gastronómico cun custe de 37,50€/persoa; ou as que inclúen estadías na casa rural e oferta gastronómica como paquete Outono gastronómico por, 105€/persoa en cuarto individual e 165€/dúas persoas nun cuarto dobre; a fin de Semana Outono Gastronómico, 165€/persoa nun cuarto individual, e 260€/ dúas persoas en cuarto dobre; e a fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, 310€/dous adultos con 1 neno ou nena nun cuarto dobre con cama supletoria, e 360€/dous adultos con dous nenos ou nenas en dous cuartos dobres.

Promoción da campaña do Outono Gastronómico 20

O delegado territorial destacou tamén na campaña de promoción que se vai facer nesta edición, na que se contará con ‘macro’ influencers, ‘micro’ influencers profesionais e non profesionais. Desde Turismo de Galicia realizarase unha convocatoria aberta de xente que queira promocionar Galicia, o seu turismo rural e en concreto a campaña do Outono Gastronómico 2024, “apelando ao seu orgullo por ser galego e o seu cariño por amosar Galicia”, que se converterán en Embaixadores e poderán gozar desta experiencia de turismo rural. Ademais, tamén se inclúen concursos nas redes de Turismo de Galicia dirixidos aos seguidores, nos que os premios serán fins de semana Outono Gastronómico.

Os interesados nesta iniciativa poden atopar completa información nas guías promocionais dispoñibles nas oficinas de turismo e tamén na páxina web de Turismo de Galicia, www.turismo.gal.

0.1013720035553