Arrancan as I Xornadas de Traballo Social Eco-Social no Campus de Ourense
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense arranca hoxe, luns 18 de marzo, as I Xornadas de Traballo Social Eco-Social, baixo o lema "Bo vivir: un cambio transformador para un mundo compartido".
A cita, que terá lugar a partir das 16.00 horas no Edificio de Ferro, coincide coa conmeración o 19 de marzo do Día Mundial do Traballo Social e extenderase ata o vindeiro mércores 20 de marzo. As xornadas, que están destinadas ao público en xeral, serán de balde e non precisan de reserva previa
A actividade está organizada por persoal docente e investigador desta facultade, onde se imparte o Grao en Traballo Social, concretamente por Francisco Xabier Aguiar, Mónica López e Evelia Murcia, contando co apoio da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade da UVigo. “O mundo vive unha crise sistémica sen precedentes con graves impactos en todas as formas de vida que evidencian a relación existente entre a xustiza social e ambiental”, sinalan desde a actividade. Os desafíos contemporáneos, engaden, “retan con carácter urxente ao traballo social para que adopte enfoques innovadores que prioricen un verdadeiro benestar, con raíces na comunidade e na interrelación e interdependencia profunda das persoas cos bens naturais, tal e como nos ten transmitido a sabedoría indíxena”.
Conferencias, mesas redondas, obradoiros e exposicións
Neste contexto, os obxectivos das I Xornadas de Traballo Social Eco-Social son analizar os principais elementos e retos do paradigma eco-social no traballo social, para o seu desenvolvemento teórico e práctico, e reflexionar sobre os distintos aspectos presentes na crise sistémica (clima, territorio, enerxía, alimentación, produción e consumo, relacións e coidados...), identificando as súas interseccións co traballo social. Igualmente, con elas quérese coñecer e (recoñecer) as boas prácticas e experiencias “de acción e resistencia, establecer alianzas e contribuír desde o traballo social á transición sistémica e xeración activa de alternativas e solucións”.
Os tres días programación arrancarán o luns pola tarde cunha conferencia sobre o traballo social ante a emerxencia climática e sistémica; unha mesa redonda sobre comunidades resilientes nun mundo compartido e a presentación da exposición fotográfica A muller na historia, da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense. O martes, Día Mundial do Traballo Social, falarase sobre a transición do mito do crecemento ao decrecemento; sobre a defensa do territorio e traballo social e sobre a economía desde un ollar eco-social e de compromiso co territorio. Para rematar, o mércores haberá intervencións sobre como avanzar cara a un traballo social eco-social; a práctica política dende o traballo social e a revolución dos coidados desde unha ollada eco-feminista, para rematar con obradoiros sobre a metodoloxía socio-afectiva como ferramenta aplicada neste eido e a biodanza para abonar os coidados comunitarios e a cultura do bo trato. Nas sesións participarán especialistas tanto do eido académico como profesional.
A actividade é aberta á participación de profesionais, alumnado e comunidade en xeral, co obxectivo de que a facultade “se converta nun punto de encontro e referencia no que debater e avanzar neste importante reto que temos por diante”.