Arrancan as obras de acondicionamento dos espazos urbanos na rúa Alejandro Pedrosa

OurenseXa
Os traballos contan cun orzamento de preto de 2,5 millóns de euros e un prazo estimado de oito meses
obras-alejandro-pedrosa
Inauguración dos traballos na rúa Alejandro Pedrosa
6 Feb 2025

O Concello de Ourense iniciou as obras de acondicionamento e mellora dos espazos urbanos na rúa Alejandro Pedrosa, ás que dedicará un investimento de 2.462.330,05 euros. “É a primeira vez que se destina unha cantidade tan importante a unha actuación nun barrio da cidade”, manifestou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome quen, acompañado por concelleiros e concelleiras do goberno municipal asistiu ao inicio dos traballos. As obras están financiadas nun 80% polo Concello e nun 20% pola Unión Europea, con cargo a fondos Next Generation

Os traballos consisten na demolición do firme actual, a repavimentación das zonas afectadas e a pavimentación en plataforma única do segundo treito da rúa, xunto coa renovación das redes de saneamento e abastecemento, a instalación de redes de rega, electricidade de baixa tensión, alumeado e telecomunicacións, así como o acondicionamento mediante xardinería e outros elementos de mobiliario urbano. O proxecto prevé tamén executar unha zona de estancia peonil, no cruzamento de Alejandro Pedrosa coa rúa Río Sil, coa finalidade de humanizar a zona.

Ademais, e xunto coa humanización da rúa, executarase unha glorieta co fin de mellorar o funcionamento da intersección entre as rúas Alejandro Pedrosa e Río Limia e a estrada OU-0526, que obrigará a controlar a velocidade de condución dos vehículos para fomentar a seguridade viaria.

O alcalde destacou o importante volume de investimento, superior aos 2 millóns de euros que o Concello levará a cabo na rúa Alejandro Pedrosa, e que enmarca na vontade do goberno municipal de “seguir fomentando a calidade de vida e a humanización dos barrios, rompendo coa tradicional discriminación destes respecto ao centro da cidade”. As obras teñen un prazo estimado de execución de 8 meses.

 

0.16595101356506