Arredor de 40 persoas descobren a historia da provincia na terceira edición do curso ‘Ourense no Tempo’

OurenseXa
O curso enmárcase dentro da programación de extensión universitaria do verán 2025 e conta co respaldo da Deputación de Ourense
Cursos de verán do campus de Ourense
26 Jun 2025

Este mércores deu comezo na Facultade de Historia do campus de Ourense a terceira edición do curso ‘Ourense no Tempo: Historia, Arte e Tradicións’, unha proposta formativa centrada na divulgación científica arredor do pasado e do patrimonio cultural ourensán. A iniciativa está impulsada polo Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, contando tamén coa participación de especialistas externos.

O curso, que se enmarca dentro da programación de extensión universitaria do verán 2025 e que conta co respaldo da Deputación de Ourense, inclúe 35 horas lectivas. Ao fronte do programa está o profesor e historiador José Ramón Campos, quen participou no acto de apertura acompañado polo decano da Facultade de Historia, Julio Prada. Ambos destacaron a consolidación do curso, que ano tras ano mantén unha participación estable, con arredor de 40 matriculados, e unha valoración positiva por parte dos asistentes.

Entre os seus principais obxectivos está difundir o traballo investigador que se realiza na Universidade de Vigo e noutros centros, ofrecer exemplos prácticos sobre o uso de fontes históricas e arqueolóxicas, e fomentar espazos de reflexión entre alumnado e profesorado. Tamén se promove a protección e a valorización do patrimonio cultural, así como a creación de discursos inclusivos e igualitarios no ámbito da divulgación.

O contido do curso abrangue distintas disciplinas, como a historia, a arte, a arqueoloxía e a etnografía, explorando o pasado da provincia de Ourense desde épocas prehistóricas ata a actualidade. As primeiras sesións, que teñen lugar na Facultade de Historia, inclúen conferencias como a dedicada a Luis Varela Aldemira (1895–1975) e outra sobre arte e psicanálise máis aló do surrealismo, presentada por Jorge Varela. Ademais, Xosé Ramón Campos e Tania Pérez ofreceron unha charla sobre a influencia cultural do exilio ourensán en México a través da figura de Florencio Delgado Gurriarán.

Durante o mércores e o xoves, completan o programa intervencións centradas en temas como Bemposta, o Colexio Santo Ángel, a historia da Biblioteca e do Arquivo Histórico Diocesano de Ourense, a tumba do oficial Henenu en Deir el-Bahari (Luxor), a iconografía de San Bernardo en Santa María de Xunqueira de Espadanedo e os castros do val do Salas. A primeira fase do curso péchase cun taller práctico sobre elaboración de cervexa artesá, guiado polo mestre cervexeiro José Antonio Gil.

A programación do venres e sábado trasládase fóra da universidade para realizar visitas guiadas a enclaves históricos e arqueolóxicos das comarcas de Allariz e Valdeorras. A maior parte das persoas participantes proceden da propia Facultade de Historia ou do Programa Universitario para Maiores. Durante estas dúas xornadas, faranse percorridos por Xunqueira de Ambía, Allariz, Santa Mariña de Augas Santas e Armea; e tamén por Proendos, Montefurado, Quiroga, Valencia do Sil, Vilamartín de Valdeorras e A Rúa, cun enfoque centrado na análise do seu patrimonio material, as pegadas arqueolóxicas e a súa relevancia histórica.

⚙ Configurar cookies
0.16549897193909