Arredor de 6.000 veciños do rural ourensán poderán formarse en novas tecnoloxías

A Deputación de Ourense formará a 6.000 veciños do rural da provincia en novas tecnoloxías. A institución ourensá é unha das institucións nacionais beneficiarias do programa Reto Rural Dixital, para proxectos de capacitación dixital no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
A Deputación recibirá 750.000 euros de financiación, a través dos fondos europeos Next Generation, para esta iniciativa pioneira que permitirá formar en novas tecnoloxías a 6.000 veciños da provincia.
O programa de capacitación dixital desenvolverase ao longo de todos os concellos da provincia, co obxectivo principal de facilitar un acceso ao uso das ferramentas dixitais útiles para o día a día aos habitantes do rural ourensá. Está orientado a colectivos para os que se require unha perspectiva demográfica específica, como as persoas maiores, as mulleres, a infancia, a xuventude e as persoas desempregadas.
Por outra banda, o programa permitirá adquirir unha plataforma de teleformación para a Deputación de Ourense, que permitirá a formación continua dos colectivos rurais obxecto deste proxecto así como de todos os empregados públicos da provincia de Ourense, facilitándolles a súa formación con independencia do seu lugar de residencia.
Atendendo os requisitos de PRTR, estimase que o proxecto estará rematado a finais do mes de marzo do ano 2026.